Martes. 16.04.2024

O presidente do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo, presentou a Oficina Agraria Móbil, un servizo pioneiro de proximidade para facilitar a xestión de trámites no rural.

Con esta iniciativa, Feijóo subliñou que a práctica totalidade das explotacións agropecuarias dispoñerán a menos de 15 minutos dun punto no que poidan realizar as xestións administrativas e recibir formación e información arredor de todo o relacionado coa súa actividade.

Deste xeito, o titular da Xunta avanzou que a oficina, que contará con persoal para prestar os servizos tanto administrativos como técnicos e de veterinaria, anunciará con antelación as rutas a realizar co fin de que a cidadanía coñeza onde e cando vai estar localizada en cada momento.

“Nela poderanse facer todas as xestións que se desenvolven habitualmente -trámites como os da PAC, xestión de axudas ou o acceso a cursos- en calquera das 68 oficinas agrarias comarcais repartidas por todo o territorio”, abundou, referíndose tamén á posta en valor desta rede, a través dun plan integral de reestruturación e optimización.

Nesa liña, o presidente sinalou que a Oficina Agraria Móbil será un elemento máis da rede de oficinas agrarias comarcais espalladas por todo o territorio galego, polo que todas as instalacións físicas actuais -recalcou- permanecerán abertas. Co obxectivo de prestar o mellor dos servizos, segundo engadiu, a Xunta está a traballar na optimización de infraestruturas e tecnoloxías nun total de 27 destas oficinas, buscando que recuperen o seu labor tradicional de asesoramento e referente no rural galego. Deste xeito, Núñez Feijóo puntualizou que o novo dispositivo móbil servirá para cubrir as necesidades xurdidas naqueles emprazamentos onde por mor das obras non se poida acceder ás oficinas agrarias comarcais físicas, a maiores do seu cometido principal de desprazarse aos lugares onde non existen este tipo de instalacións.

COMPROMISO DA XUNTA CO RURAL

O presidente do Goberno galego aproveitou o acto para reeditar o compromiso da Xunta co rural; cun rural “competitivo, dinámico e vivo” que axude a fixar poboación, actividade e onde se garanta a remuda xeracional. Lembrou que “máis de 4.000 mozos se incorporaron á actividade agraria na última década”.

Nesta liña, afirmou que a Administración autonómica seguirá apostando polo sector forestal e alimentario nos proxectos tractores a liderar a captación dos Fondos Next Generation. “Aprobamos unha Lei de recuperación da terra agraria; estamos a crear casas do maior e casas niño; estamos a impulsar o Plan de Atención a Domicilio; ampliando o servizo de banda ancha e fomentando o transporte á demanda”, engadiu, referíndose tamén á iniciativa de impostos cero no rural.