Xoves. 28.03.2024
. O goberno local de Oroso acaba de adoptar medidas orientadas a racionalizar o consumo de agua despois de que Augas de Galicia ampliara a finais da semana pasada a prealerta por seca prolongada para a zona do río Tambre, debido á “importante redución das aportacións hídricas” no último mes na estación de aforos situada neste cauce. Polo momento, as primeiras decisións consisten en cortar o subministro de agua nas tres fontes conectadas á rede pública municipal e en reducir o máximo posible o rego das zonas verdes, incluso chegando a cortalo nalgúns casos. Ademais, de acordo co Plan Especial de Seca da Xunta, o goberno local remitiralle periodicamente a Augas de Galicia datos do caudal captado e do caudal subministrado aos usuarios. Por outra banda, o alcalde informou que a finais da presente semana está convocada unha reunión telemática con Augas de Galicia para avaliar a situación e abordar posibles medidas adicionais que serían necesarias de continuar a situación de seca. Luis Rey tamén apelou á “concienciación e responsabilidade da veciñanza para realizar un consumo responsable no ámbito privado”, seguindo os consellos e recomendacións da empresa Viaqua