Martes. 16.04.2024

O Concello de Oroso informa do remate de varias obras de mellora e renovación do firme en viais e camiños de diferentes parroquias do municipio.

En concreto, realizáronse traballos por importe de máis de 122.000 euros nos núcleos de Villalbarro, Estación de Oroso, Vilacide de Abaixo, Rial (Trasmonte), A Igrexa e Rías (parroquia de Oroso).

“Temos unha elevada circulación de vehículos e peóns polos viais do rural e desde o Concello de Oroso continuamos con estas actuacións co noso plan de mellora dos servizos e infraestruturas no rural, dando ademais resposta ás demandas veciñais”, explica Luis Rey, concelleiro de Obras de Oroso.

A aposta polas parroquias e o rural continuará nos próximos meses, nos que o grupo de goberno acometerá un conxunto de obras cun investimento global dun millón de euros.

A curto prazo, haberá traballos de mellora do firme nos lugares de A Igrexa e Cas (Ánxeles), Vilar de Abaixo (Deixebre), e Zan e A Costa (Trasmonte).