Xoves. 28.03.2024
O Pleno Municipal de Brión aprobou os Orzamentos Municipais para 2022, que se presentan equilibrados en gastos e ingresos: 7.085.081,31 euros, un 5,04% máis ca en 2021 (6.710.037,97 euros). Unha contas que aumentan o gasto social nun 16% e nun 6,15% o investimento en obras. Os orzamentos saíron adiante co voto a favor do PSOE e o PP, e a abstención do BNG.
O alcalde de Brión, Pablo Lago Sanmartín, agradeceu o traballo dos concelleiros do grupo de Goberno e do persoal municipal na elaboración “do mellor orzamento que se pode facer cos recursos que temos e co que se trata de recuperar a normalidade na realización de actividades que quedaron paralizadas nos dous anos anteriores de pandemia sanitaria”.
Neste sentido, Pablo Lago destacou especialmente que “non hai préstamos previstos, increméntase o gasto social nun 16% e subimos tamén en ámbitos que cremos fundamentais para esta volta á normalidade como, por exemplo, o fomento do emprego, que pasa de 177.000 a 184.000 euros ou cultura, que medra un 6%, entre outros”. Así mesmo, explicou que en ensino, “excluídos os gastos extraordinarios do ano pasado en tema Covid, subimos tamén en 2.000 euros”.
MÁIS DE 600.000 EUROS DE INVERSIÓN DE RECURSOS PROPIOS 
Os gastos de persoal medran un 2,28% con respecto ao exercicio 2021, chegando aos 2,65 millóns de euros. A partida destinada a gasto corrente en bens e servizos medra un 9,75%, alcanzando os 3.025.269,16 euros para o mantemento dos servizos básicos prestados aos veciños e veciñas de Brión. Así mesmo, as transferencias correntes baixan un 0,81%, ata os 555.225,87 euros, na súa maioría destinados aos compromisos adquiridos como membro da Mancomunidade Serra do Barbanza, entidade xestora dos servizos de recollida e tratamento dos residuos sólidos urbanos.
O Capítulo VI de Investimentos Reais ascende a 810.394,53 euros, un 6,15% máis ca en 2021. Se o ano pasado o Concello de Brión achegaba case 400.000 dos 763.475,71 euros deste capítulo, neste ano as achegas de fondos propios ascenden ata os 610.318,99 euros, fronte aos 196.661,18 euros procedentes de transferencias doutras administracións. Neste capítulo contémplanse os 153.223,73 euros do POS+2022, que se destinarán a un proxecto de reforzo do firme nos accesos a Guitiande e no viario da contorna da Urbanización do Balneario do Tremo, ambas actuacións na parroquia dos Ánxeles e dende a AC-543 Santiago-Noia. Así mesmo, reforzarase o firme dos viarios da aldea de Vioxo de Arriba, na parroquia da Luaña. 
Tamén se inclúe o Plan de Mellora de Camiños AGADER 2022-2023, que suma 71.181,88 euros, dos que o Concello achegará 12.353 euros. A maiores, o Concello de Brión achegará 48.290 euros para a pavimentación do camiño da Igrexa a Soigrexa (Bastavales) e 247.972 euros a un proxecto de mellora da eficiencia enerxética, ambas as dúas actuacións financiadas integramente con fondos propios.