Venres. 29.03.2024

O Pleno Municipal de Brión aprobou, nunha sesión telemática, os Orzamentos Municipais para 2021, que ascenden a 6.710.037,97 euros, un 0,52% menos ca en 2020 (6.745.220,39 euros). Unhas contas que saíron adiante co voto a favor do PSOE e o PP, e a abstención do BNG.

O alcalde de Brión, Pablo Lago Sanmartín, explicou que “mantemos as inversións en servizos sociais, cultura, transportes, emprego... aínda que as cifras xerais recollan pequenas baixadas debido a que pola pandemia este ano non presupostamos actividades que sabemos que non se van poder facer como a Viaxe dos Maiores ou a Festa dos Vellos”. Neste sentido, a voceira municipal socialista, Sandy Cebral, fixo fincapé en que “na elaboración do orzamento participan tanto os técnicos como os concelleiros, polo que consideramos que é o mellor orzamento que podemos facer nestes momentos”.

INVERSIÓN DE RECURSOS PROPIOS: MÁIS DE 400.000 EUROS

Así, os orzamentos de 2021 preséntanse equilibrados en gastos e ingresos: 6.710.037,98 euros. A partida destinada a gasto corrente en bens e servizos medra un 1,67%, sobre todo polo mantemento dos servizos básicos e por unha importante suba nas consignacións destinadas á atención das necesidades xurdidas pola crise sanitaria da Covid-19.

O Capítulo VI de Investimentos Reais ascende a 763.475,71 euros, dos que o Concello de Brión financiará 483.557,91 euros con fondos propios. Neste capítulo contémplanse os 248.698,79 euros do POS + 2021, que se destinarán a catro proxectos de obras: pavimentación da travesía de Bastavaliños (Bastavales), ampliación das redes de saneamento e abastecemento de auga nas aldeas de San Salvador (San Salvador de Bastavales) e O Cabo (Os Ánxeles), mellora das redes de saneamento e pluviais da aldea de Tourís (Luaña), e ampliación das redes de abastecemento e saneamento na aldea de Lamiño (Brión).

A maiores, o Concello de Brión destinará máis de 165.000 euros a obras de mantemento de espazos públicos, mellora das cubertas dos centros sociais (San Salvador de Bastavales e Os Ánxeles), a actuacións de mellora dos centros de ensino (CEIP de Pedrouzos e Gardería Municipal), mantemento e dotación de parques infantís, así como melloras no alumeado e mobiliarios públicos ou pequenas obras demandadas pola veciñanza como a reparación dun muro en Saíme. Tamén se contemplan case 200.000 euros para a compra dun novo tractor para a roza de camiños e estradas así como material para a brigada de obras municipal (entre o que se inclúe un camión de terra e un dumper).

Finalmente, o capítulo de gastos de persoal medra un 7,35% (2.598.782,44 euros) debido principalmente ao incremento das retribucións dos empregados públicos (recollido na Lei de Orzamentos Xerais do Estado) e á dotación orzamentaria para unha modificación da relación de postos de traballo (RPT). Os gastos financeiros suman tan so 7.600 euros, se ben esta cifra é un 49,02% máis co ano pasado debido ao incremento experimentado polas comisións bancarias no último ano.


 

O Capítulo IV (transferencias correntes) suma 559.744,62 euros e na súa maior parte vai destinado aos compromisos do Concello de Brión como membro da Mancomunidade Serra do Barbanza, xestora do servizo de recollida e tratamento dos residuos sólidos urbanos. Unha partida que sofre un incremento do 18,09%, debido principalmente ao aumento das cotas neste exercicio como consecuencia dun auto xudicial, que levou aparellado a actualización do canon dende o 2008.