Xoves. 28.03.2024

“É o momento de ter o partido máis vivo e activo que nunca para estar máis preto da xente que nunca”. Esa foi consigna que o presidente do Partido Popular na provincia de A Coruña, Diego Calvo, fixo chegar aos alcaldes e portavoces do partido xudicial de Santiago de Compostela durante a reunión comarcal celebrada na cidade compostelá.

A menos de oito meses das eleccións municipais, acompañado polo secretario xeral provincial, Evaristo Ben, e despois de iniciar a ronda de reunións en Carballo, Calvo insistiu na “importancia deste tipo de encontros para manter ao partido “en escoita permanente e traballando na confección dos mellores equipos co obxectivo de afrontar con plenas garantías a cita coas urnas locais”.

“Levamos tempo xa coa mente posta nunhas eleccións que deben ser o punto de partida do cambio político que necesita España en moito aspectos”, asegurou o presidente popular, quen incidiu na importancia de que a súa formación ofreza aos veciños “unha alternativa estable e eficaz” nos lugares nos que non goberna e, alí nos concellos onde si o fai, reforce as súas maiorías para continuar demostrando os beneficios que se derivan dunha xestión “seria e centrada nas necesidades das persoas”.

UN PARTIDO NO QUE CONFIAR” DI CALVO

Calvo aproveitou a presenza dos alcaldes que o Partido Popular ten nesta comarca para resaltar “o bo traballo que están a facer dende fai moito tempo. Aquí non vimos prometer cousas que non teñamos demostrado. Aquí basta con botar unha ollada do que son capaces de ofrecer os nosos alcaldes para comprobar que somos unha partido no que se pode confiar”.

Neste sentido, o líder dos populares subliñou que a súa formación aspira,” non só consolidar as maiorías coas que xa conta, senón que buscará ser a forza maioritaria no resto de municipios. Se facemos as cousas ben, se traballamos duro estes meses e se estamos preto da xente propondo e ofrecendo unha alternativa real podemos lograr grandes resultados , apuntou Calvo.

MANTER O BASTÓN DE MANDO E CONSEGUIR NOVAS ALCALDÍAS”

Diego Calvo dixo ser “consciente da importancia de manter o bastón de mando en lugares como Santa Comba, Ordes ou Padrón, e coa mente posta en gobernar en municipios como Ames, Melide ou Teo”. O líder dos populares na provincia fixo un aparte para referirse á cidade de Santiago de Compostela, “unha das prazas que os populares queremos recuperar do mesmo xeito que sucede coas urbes de A Coruña e de Ferrol”.

“Aspiramos non só a consolidar as alcaldías que temos neste partido xudicial, senón que aspiramos a conseguir máis e, sobre todo, afrontamos a cita coas urnas coa mente posta en poder ofrecer aos santiagueses unha alternativa seria para que os composteláns teñan un goberno local centrado nas necesidades da cidade e que non sexa cómplice das políticas que Pedro Sánchez dita desde Madrid”, apuntou o presidente provincial.