Venres. 29.03.2024

O Concello do Pino axuda ás familias residentes no municipio a soportar os gastos do inicio do curso escolar con dúas convocatorias de axudas, que teñen aberto o prazo de solicitude tras saíren publicadas no BOP. Por unha banda, as subvencións destinadas á compra de material escolar e informático e medidas de conciliación poderán solicitarse ata o luns 27 de setembro. Por outra, os estudantes universitarios e de FP de grao superior poderán acceder a unha bolsa de 300 euros que deberán solicitar ata o 25 de outubro.

AXUDAS ÁS FAMILIAS

O Concello de O Pino destina este ano 35.000 euros para axudar as familias a soportar os gastos derivados do comezo do curso escolar. O Boletín Oficial da Provincia publicou o extracto desta convocatoria de axudas para gastos que faciliten a escolarización, a compra de material escolar, informático, e para respiro familiar e medidas de conciliación. As familias poden solicitalas ata o 27 de setembro.

Estas axudas contemplan tres liñas de apoio ás familias. A primeira é para a compra de material informático para alumnado de Primaria, ESO ou Bacharelato, que teñen un importe total de 15.000 euros. Neste caso, a axuda para acada alumno será dun máximo de 300 euros e a contía límite para a unidade familiar será de 500 euros.

A liña 2 está dirixida a sufragar os gastos que faciliten a escolarización no segundo ciclo de Educación Infantil, Primaria, ESO e Bacharelato, cun importe total doutros 15.000 euros. A contía da axuda sería dun máximo de 200 euros por alumno (ata un límite de 300 por unidade familiar).

A terceira liña de axudas vai dirixida a apoios económicos para respiro familiar e medidas de conciliación, e contan con 5.000 euros. O máximo de axuda para unha unidade familiar será de 300 euros.

As axudas están destinadas a escolares integrados nunha unidade familiar que se atope en condicións socioeconómicas menos vantaxosas. Nas liñas 1 e 2 considérase a unidade familiar os núcleos de convivencia formados por nais, pais ou titores de menores de 18 anos empadroados no Concello do Pino e que residan no domicilio familiar.

Na liña 2, considérase a unidade familiar a formada por pai e nai non separados legalmente e, se é o caso, o titor ou persoa encargada da garda e protección do menor, e os descendentes e ascendentes que figuren empadroados e residan no domicilio familiar.

AXUDAS PARA ESTUDANTE UNIVERSITARIOS

Por outra banda, os estudantes universitarios e de FP de grao superior empadroados no Pino dende hai máis dun ano poderán beneficiarse dunha subvención de 300 euros para financiar os gastos correntes de material, residencia e matrícula. O Boletín Oficial da Provincia da Coruña publicou o extracto desta convocatoria, polo que as solicitudes poden presentarse ata o 25 de outubro.

En total, concederanse dez bolsas de axudas de 300 euros a aqueles estudantes que, reunindo os requisitos, acrediten os ingresos familiares máis baixos, cun límite de crédito orzamentario de 3.000 euros. No caso de que unha vez efectuada a avaliación o número de axudas supere o límite máximo do crédito dedicado á subvención, resolverase a favor das solicitudes cuxos ingresos familiares sexan menores.