Xoves. 25.04.2024

O goberno do Pino vai executar durante o ano 2022 un plan de obras propio, que financiará cos tres millóns de euros que acumula de beneficios de anos anteriores como remanente líquido de tesourería positivo. Este plan de obras contempla a realización de doce novos quilómetros de sendas peonís por valor de algo máis de dos millóns de euros.

A lexislación vixente permítelle aos concellos destinar os remanentes de tesourería a execución de obras que se traduzan de forma inmediata nun maior benestar para a cidadanía, polo que os traballos recollidos neste proxecto son financeiramente sustentables. “O goberno local leva anos facendo unha boa xestión, sen ter débedas nin créditos bancarios, e obtendo un remanente positivo de fondos que ahora queremos destinar ao arranxo de estradas e construción de sendas peonís para mellorar a mobilidade da veciñanza e a seguridade dos peóns”, sinalou o alcalde, Manuel Taboada, cando lle presentou a medida á executiva local.

O plan municipal de obras contempla a construción de 12 novos quilómetros de sendas peonís no Pino. Unha delas vai comunicar os lugares de Bugalleira e Rabal de Abaixo, cunha lonxitude de 3 quilómetros. Ao igual que a maioría destas sendas, contará con 6 centímetros de aglomerato en quente sobre unha capa de 25 centímetros de zahorra, ademais de canalizacións de pluviais en toda a súa lonxitude, cos correspondentes pozos e sumidoiros.

Entre os lugares de Os Currás e O Petón vanse construír outros 3 quilómetros de senda. A Xesta e Frechazo Último tamén van quedar unidos por un itinerario de pouco máis de dous quilómetros. As dúas últimas sendas deste plan van unir, por un lado, a igrexa de Pereira coa aldea, cunha lonxitude de 240 metros e dous metros de ancho; e polo outro, con case 900 metros de longo, a estrada N-547 coa igrexa de San Breixo. Son actuacións que permitirán duplica os quilómetros de sendas peonís que o Concello do Pino ten distribuídas nas diferentes parroquias para facilitar a mobilidade da veciñanza garantindo a súa seguridade viaria.

A maiores destes 12 km de sendas peonís, o ambicioso plan de obras municipal contempla melloras en numerosas estradas do concello e tamén no interior de diferentes núcleos de poboación. Así, está previsto acometer obras en Rejas (Rourís), na estrada local de Casa Ramos a Cerceda, nas pistas interiores de Cebreiro; en A Pena, Ombre, Barcia e no aparcadoiro da Igrexa (Pastor).

Na proposta, que ten un prazo de execución de seis meses dende a súa adxudicación, contemplase tamén mellorar o firme da pista que vai de Area Branca a Couto Pequeno pasando por Sobrado e Setas (Medín); a estrada do Marquiño a Vimeiro, a pista de Cruceiro ata a igrexa de Lardeiros, a pista de Rego de Auga ata Casa de Auga (Budiño) e a pista de Campo a Tarroeira (Budiño e O Pino).