Venres. 29.03.2024

“Cambia o trato. Racha coa violencia de xénero”, este é o mandato que o Concello do Pino lles lanza aos maltratadores nun vídeo que vén de estrear na súa canle de Youtube co gallo da conmemoración do 25 N, do Día Internacional da Eliminación da Violencia contra as Mulleres. O audiovisual, protagonizado por mozas e mozos do municipio, busca concienciar á mocidade sobre o perigo de desprezar a existencia da violencia machista e tamén ofrecer pautas para identificar varios tipos de violencia como a psicolóxica ou a dixital.

Dirixido principalmente á xente nova, o obxectivo central do vídeo deste ano é reverter a preocupante tendencia a negar a violencia machista entre un sector da poboación. Un de cada cinco rapaces varóns, o dobre que hai catro anos, asegura que non existe a violencia de xénero, tal e como revelou a última enquisa do Centro Reina Sofía sobre Adolescencia e Mocidade. Fronte a isto, a realidade queda patente no vídeo cos titulares que reflicten os asasinatos dalgunhas das 37 mulleres asasinadas este ano en España polas súas parellas ou ex parellas.

Outro dos obxectivos do vídeo é axudar a adolescentes e mozas a identificar sinais de alarma e outros tipos de violencia como a psicolóxica ou a dixital, que moitas veces pasan desapercibidas. O control do móbil, da forma de vestir ou os menosprezos non teñen xustificación.

O rexeitamento do Concello á violencia machista quedou patente tamén coa inauguración dun banco morado na Praza do Concello. O banco, no que se pode ler “Contra a violencia, respecta. Non esperes a que suceda”, avoga polo respecto e a prevención para previr as agresións. Pretende así mesmo visibilizar que O Pino avoga por “vivir nunha sociedade libre de mandatos e estereotipos sexistas os 365 días do ano”.

Este sábado, 27 de novembro, a área recreativa da Magdalena será punto de saída e meta da terceira andaina e da segunda carreira ‘5 km pola igualdade’. A participación está aberta a todas as persoas maiores de 10 anos (ata 12 anos deberán ir acompañados dun adulto), que deberán percorrer un circuíto de 5 quilómetros. A inscrición faise na web de Carreiras Galegas neste enlace e está aberta ata este xoves, 25 de novembro, ás 14.00 horas. A celebración das probas deportivas aproveitarase para ler un manifesto de condena á violencia de xénero.