Xoves. 28.03.2024

O Concello do Pino conta co apoio da Consellería de Política Social para a construción dun centro de día mixto, que inclúa prazas de residencia, e que suporá un investimento superior ao millón de euros. Este proxecto fora analizado o pasado mes de decembro polo alcalde e a conselleira de Política Social, Fabiola García. No pleno ordinario celebrado en marzo, en resposta á moción presentada polo grupo socialista, o alcalde explicou que este foi o motivo polo que o Concello renunciou a unha subvención de 160.000 euros concedida polo GDR Ulla Tambre Mandeo o pasado ano.

A intención do equipo de goberno é acollerse ao convenio marco firmado pola Consellería e a Fegamp, “como recomendou a conselleira, para construír o centro de día cun investimento de 1,2 millóns de euros”, dixo Taboada. Outro dos motivos polo que se renunciou á subvención do GDR é porque “nos obrigaba a ter rematada a obra en outubro deste ano, algo inviable, e nos impedía contar con axudas doutras administracións públicas”, engadiu.

Na moción socialista, Óscar Vilar pedía que o Concello se sumase ao convenio marco entre Xunta e Fegamp e criticaba que renunciara a finais de ano á subvención do GDR “impedindo que outros proxectos puidesen contar con esa axuda”.

O alcalde asegurou “descoñecer por que outros proxectos do GDR non se beneficiaron da axuda á que renunciou o Concello do Pino, porque cando se aproban iniciativas a financiar polo GDR sempre quedan proxectos en lista de agarda por se hai algunha renuncia”.

En relación a sumarse ao convenio marco asinado o pasado día 1 por Xunta e Fegamp, Manuel Taboada respondeu que esa era a intención do equipo de goberno, “para poder contar cun centro de día e residencia no Pino”.

A sede social do GDR Ulla Tambre Mandeo motivou outra das mocións que presentou o PSdeG, solicitando que a mesma continúe no Pino. Neste sentido, o alcalde (que tamén é presidente do GDR) respondeu que esa decisión correspóndelle tomala aos socios do GDR. Manuel Taboada recordou como moitos socios teñen solicitado en diferentes asembleas que a sede social da entidade fose percorrendo o territorio que abarca (os oito concellos das comarcas de Arzúa e Melide máis Vilasantar).

“Nestes momentos hai unha proposta do Concello de Boimorto para ceder unhas oficinas na casa consistorial para o GDR”, o que, considera, redundará en beneficio de todas as entidades socias e tamén daquelas persoas que poñan en marcha iniciativas susceptibles de ser financiadas polo GDR. “Boimorto é unha zona moito máis céntrica para os habitantes dos nove concellos que O Pino. En todo caso, esa decisión deberán tomala os socios do GDR”, concluíu Taboada.

Na votación, a moción foi rexeitada cos votos do equipo de goberno (6) e en contra da oposición (3 do PSdeG e 2 do BNG).