Venres. 29.03.2024

O último Pleno celebrado no Concello de Melide deu luz verde por unanimidade á participación da administración local no Plan Provincial de Cooperación ás Obras e Servizos de Competencia Municipal (POS+2022). Sen embargo, o PP abstívose na modificación do proxecto de “Mellora de Pavimentación e Seguridade Vial na Rúa Concepción Arenal e outras”, xa que explican que “non conta esta rúa cun estudio de mobilidade así como tampouco co impacto da decisión na veciñanza, ademais de non ter proxecto con rede separativa”.

Entre os proxectos incluídos, está a segunda fase do proxecto de mellora da pavimentación e seguridade vial da zona comprendida entre as rúas Avenida de Habana, Rúa Galicia e Rosalía de Castro. O proxecto, cun valor de 183.248,79 euros.

A aprobación do POS+2022 supón para Melide un investimento de 97.710,15 euros en gasto social. Ademais, na sesión plenaria aprobáronse dous proxectos: por unha banda a substitución do céspede artificial do Campo de Fútbol Municipal, cun investimento de 191.529,59 euros e a mellora do Camiño de Petos, cun investimento de 50.152,20 euros. Por último, a adhesión ao POS+2022 tamén permitirá a recepción de 279.171,87 euros para o financiamento de gastos correntes.

UN POS+2022 FALTO DE EXPECTATIVAS E DE PROXECTO DE POBO” DIN OS POPULARES

Dende o Partido Popular de Melide lamentan que “ o equipo de goberno non reclame o que é por dereito de Melide, xa que a baixada de investimento é significativa case un 33% menos que no ano 2021. Estamos a falar da maior fonte de financiamento que posúe un Concello e Pérez e Prado calan ante este atraco aos melidenses” .

No que corresponde aos investimentos explica que “so un pequeno proxecto que parece unha propina cuxo importe é de pouco máis de 50.000 euros, é o que se destina ao rural melidense a pesar de posuír Melide 26 parroquias. É unha mágoa que por terceiro ano consecutivo teñamos que soportar que o rural é so un slogan político para o bipartito pero que está totalmente esquecido; se nos demais plans de obras o rural non se viu beneficiado nin por un so euro en investimento, nesta anualidade 50.000 euros de 483.000”.