Xoves. 25.04.2024

O Pleno da Corporación da Baña rexeitou, cos votos en contra do PP e a abstención de CxG, a nova proposta de orzamentos presentada polo equipo de goberno. O Pleno apoiou ás asociacións de veciños de Cabanas, Fiopáns, Lañas e San Mamede do Monte co manifesto institucional A prol do Concello da Baña libre dos parques eólicos. Por unanimidade, aprobouse rebaixar o recibo do IBI a dúas explotacións gandeiras do municipio e para modificar o proxecto de pavimentación dunha vía pública en Nantón.

O alcalde levou a Pleno unha nova proposta de orzamentos para o presente exercicio, que actualiza os ingresos e modifica algunha partida de gastos respecto da presentada ao Pleno de febreiro e que fora retirada da orde do día. José Antonio Pereira defendeu que esta proposta permite incrementar o gasto social, licitar servizos (como o de Axuda no Fogar ou comedor sobre rodas), actualizar as nónimas dos cinco traballadores que teñen pendente de regularizar a súa situación e facerlle fronte aos gastos de persoal despois da sentenza do xulgado do social. “Son unhas contas realistas que solucionan moitos problemas da veciñanza”, insistiu o alcalde, que recordou que das dúas reunións ás que convocou á oposición só asistiu o PP a unha delas, e que nin populares nin Compromiso por Galicia fixeron ningunha aportación ás contas.

Dende o Partido Popular, Andrés García Cardeso volveuse ratificar nas críticas que xa fixera no Pleno de febreiro aos presupostos, recriminándolle ao alcalde que non incluíra ningunha das peticións que o PP xa fixera nun escrito presentado hai un ano cunha serie de medidas para facerlle fronte a situación xerada pola pandemia. Cardeso criticou ao alcalde por “non querer dialogar, non contar coa oposición e non coñecer a realidade dun concello rural”.

O portavoz de Compromiso por Galicia. César Ramos volveu insistir en que se ían abster na votación e recordou que o seu partido está disposto a buscar unha solución para acabar esta lexislatura “se o alcalde dimite”. “Non temos problemas co Partido Socialista”, afirmou Ramos recordando que recuperaran a alcaldía grazas a CxG, “pero mentres siga sendo alcalde non volveremos reunirnos con vostede. Debe facer un acto de dignidade e dimitir”, díxolle a José Antonio Pereira.

O alcalde replicoulle afirmando que “o Concello necesita uns presupostos que beneficien aos veciños. Se non me quere a min na alcaldía, presente unha moción de censura. Eu estou aquí por un acordo plenario que vostede apoiou”, díxolle José Antonio Pereira ao portavoz de Compromiso por Galicia. “Con estes presupostos iralle mellor aos veciños, non ao alcalde. Vostede recoñece que os presupostos lle valen, que non lle vale é o alcalde”, concluíu Pereira.