Venres. 19.04.2024

Que valoración fai do programa Porta a Porta que finalizou hai uns días o seu primeiro percorrido polos concellos galegos?

A mellor valoración que podemos facer é a trasladada polos propios usuarios e polos concellos polos que pasa este programa da Xunta de Galicia. Son eles os que nos din que se trata dunha iniciativa necesaria, que permite que as persoas maiores reciban servizos gratuítos de podoloxía, audioloxía e estimulación da memoria de xeito totalmente gratuíto e ao carón das súas casas.

O Goberno galego lanzou este programa no ano 2019 de xeito piloto e, xa daquela, a resposta foi todo un éxito. Isto empuxounos a que, despois da pandemia, volvéramos impulsar a súa posta en marcha de xeito ampliado. Nestes momentos, o programa de Coidados porta a porta chega a todos os concellos galegos, agás as sete cidades, e desde o mes de marzo leva atendidos a 22.500 galegos que queren seguir vivindo nos seus lugares de sempre ao tempo que teñen ao seu alcance todas as atencións necesarias.

A que nos referimos cando falarmos do “novo modelo de residencias” en Galicia?

Unha das leccións máis importantes que nos deixou a pandemia da covid-19 é que as residencias de maiores deben camiñar cara un novo modelo de coidados. Desde o primeiro día, o Goberno galego púxose a traballar e, a través dun comité asesor composto por profesionais do sector, fomos deseñando ese novo modelo que nos permita facer das residencias de maiores uns espazos máis humanos, nos que a atención sexa a mellor posible e que se parezan máis ás necesidades dos maiores do século XXI.

Este novo modelo, que xa estamos comezando a aplicar en varias residencias da rede pública autonómica, ten como piares fundamentais: unha maior coordinación sociosanitaria, que permita mellorar a comunicación entre dous ámbitos inseparables; un aproveitamento das innovacións tecnolóxicas para mellorar a atención dos usuarios e facilitar o traballo dos profesionais; renovacións arquitectónicas, que fagan das residencias un lugar máis parecido aos fogares das persoas usuarias; e tamén o impulso da formación continuada dos profesionais destes centros.

Cal é a colaboración que ten o goberno galego coa UNED da Coruña? Como facilitar ás persoas maiores o acceso á formación?

O Goberno galego mantén convenios de colaboración coa UNED da Coruña, así como co resto de universidades galegas, para impulsar cursos de formación destinados a maiores. Cada vez son máis as persoas maiores que aproveitan a súa xubilación para aprender novas disciplinas ou para cursar aquelas carreiras que non puideron realizar na súa xuventude. Trátase dunha demanda crecente que responde tamén a un cambio na concepción do envellecemento. Converterse en maior é hoxe en día unha oportunidade para vivir novas experiencias e para desfrutar do tempo libre de xeito activo.

Como está funcionando o programa de Benestar en Balnearios?

Recuperamos este ano este programa, logo do parón da pandemia, que lle permite ás persoas maiores desfrutar de estadías en réxime de pensións completa en 15 establecementos da Comunidade. O gran número de solicitudes recibidas demostran as ganas que tiñan as persoas maiores de recuperar estes programas que fomentan tamén un envellecemento activo.

En que consiste a Estratexia Galega de Atención á Soidade non Desexada?

Trátase dun documento que nos permitirá previr, detectar, intervir e dar visibilidade á situación de soidade na que se atopan algunhas persoas maiores. O Goberno galego presentará esta estratexia nos próximos meses coa que Galicia se converterá na primeira comunidade en contar cun texto desta categoría. Algunha das medidas que se incluirán será o teléfono contra a soidade, no que se ofrecerá unha atención continuada a estas persoas e que, ademais, permitirá darlles a coñecer todos aqueles programas que a Xunta de Galicia ten á súa disposición.

Alcaldesa de Boimorto María Jesús Novo e Antonio Acevedo na firma do convenio
Alcaldesa de Boimorto María Jesús Novo e Antonio Acevedo na firma do convenio

Recentemente asinou un convenio coa alcaldesa de Boimorto, en que vai consistir?

A Xunta mantén unha estreita colaboración cos concellos galegos para poñer en marcha programas de envellecemento activo e tamén de prevención da dependencia. No caso do Concello de Boimorto, asinamos un convenio para impulsar actividades de atención e fomento da autonomía que lles permitan ás persoas maiores desta localidade vivir na súa aldea de sempre e manter un ritmo de vida activo. Destinamos a este cometido un orzamento de 80.000 euros.