Luns. 29.04.2024

“A próxima lexislatura ten que ser a lexislatura do tren en Galiza”. Baixo esta premisa, a candidata á Presidencia, Ana Pontón, presentou diante da estación de ferrocarril en Santiago as principais liñas do programa de goberno do BNG nesta materia, indicando que o tren é o medio de transporte “sostible” polo que aposta decididamente para a mobilidade, tanto de persoas como de mercadorías.

Pontón avanzou que o goberno que aspira a presidir exercerá todas as competencias na materia para mellorar o transporte por tren para o que, en primeiro lugar, anunciou a creación do ente ferroviario galego GALTREN, como instrumento que permita “exercer as competencias que temos recoñecidas no noso Estatuto”. O obxectivo é darlle ós galegos e ás galegas a posibilidade dun tren do século  XXI, “mellorando conexións, frecuencias e horarios”, e tamén utilizar o tren como medio para “articular e vertebrar  o territorio conectando vilas e cidades”. En definitiva, “que tamén utilicemos o autogoberno deste País para desenvolver o ferrocarril”, resumiu.

A líder nacionalista tamén explicou a aposta do BNG por un tren de proximidade, denunciando que “hoxe Galiza é un dos poucos territorios que non teñen este servizo. Neste sentido, recordou que a implantación das cercanías en Galiza é un dos acordos acadados polo BNG no pacto de investidura, dando prioridade ás áreas urbanas máis desenvolvidas, de tal xeito que en catro anos, -é dicir, na lexislatura-, o obxectivo é que  haxa tren de proximidade entre A Coruña-Ferrol e Vigo-Pontevedra, cunha poboación que supera as 900.000 persoas. En todo avanzou que o Bloque quere estender “ao conxunto do País”.

Pontón avogou por mellorar as frecuencias e os horarios actuais, dadas as deficiencias que sofren os usuarios e as usuarias, para o que comprometeu abrir unha negociación co Estado, negociación que, segundo dixo, cómpre desenvolver tamén para ampliar a rede ferroviaria galega.

Nesta liña, a candidata nacionalista márcase como un dos obxectivos prioritarios que todas as cidades galegas estean conectadas con servizos “que nos permitan ter unha mobilidade rápida” e “suplir a carencia que ten Lugo” dotando á cidade dunha conexión directa con Santiago de Compostela, o que considerou clave para a capital lucense “pero tamén para todo o interior do País”.

Mais Pontón entende que o ferrocarril no só é o medio de futuro para a mobilidade das persoas, senón tamén para o transporte de mercadorías, polo que apuntou tamén como prioridade dun goberno BNG o impulso do Corredor Atlántico, unha infraestrutura que considerou fundamental para incrementar a “competitividade das nosas empresas” e para situar Galiza nas redes transeuropeas de transporte.   

Finalmente, destacou considera estratéxica a conexión de alta velocidade entre Vigo e Porto, co impulso da construción da saída sur en Vigo e a aprobación dun calendario que permita que esta infraestrutura de vital importancia para as relacións entre Galiza e Portugal sexa unha realidade para o ano 2030.