Xoves. 09.05.2024

A candidata á Presidencia da Xunta, Ana Pontón, comprometeuse a ser a presidenta que protexa a saúde das persoas e libre de recortes a sanidade pública galega logo “de 15 anos de recortes e privatizacións dun Goberno do PP que deixa a sanidade do País nunha situación de deterioro brutal”. 

Na manifestación en defensa da sanidade pública en Santiago, Pontón fixo un chamamento a todas as persoas que participaron da mobilización e a todas aquelas que dende as súas casas “queren máis sanidade pública” a que se mobilicen o próximo 18 de febreiro e apoien ao Bloque porque, segundo recalcou, “co apoio ao BNG podemos derrotar nas urnas os recortes e privatizacións do PP”.  

“Estamos aquí nesta mobilización, pero a definitiva é o próximo 18 de febreiro”, apelou para subliñar que “se queremos defender a sanidade pública, a papeleta que garante que imos recuperala é a do BNG, porque imos ter unha presidenta comprometida coa saúde dos galegos e das galegas”.

Neste sentido, mostrou o “seu convencemento de que o 18F podemos derrotar nas urnas o recortes e privatizacións do PP e abrir unha nova etapa da man do BNG, que “vai dalo todo para poñer en pé a sanidade pública”.

A líder nacionalista incidiu en que Galiza necesita un cambio de rumbo tamén en materia sanitaria logo de 15 anos de goberno dun PP convertido nun “terminator da sanidade pública, 15 anos” nos que, segundo advertiu, “non só houbo mala xestión”, senón tamén moita ideoloxía ao drenar recursos públicos en favor da sanidade privada. “O PP quere deteriorar o público para beneficiar o privado”, afondou para indicar a continuación que o fai mesmo “a costa da saúde dos galegos e das galegas”.