Martes. 29.11.2022
Os negocios permanecen pechados por non poder acceder a eles

Os populares esixen a colocación de pasarelas para o acceso a comercios, hostalería e domicilios na rúa de San Pedro

Estado das obras da rúa de San Pedro que poñen en perigo aos transeuntes
Estado das obras da rúa de San Pedro que poñen en perigo aos transeuntes

O Partido Popular de Melide rexistrou unha solicitude para analizar o plan de seguridade da obra que está executando o Concello de Melide na rúa de San Pedro.

Os populares melidenses apuntan que “no primeiro POS que o bipartito Pérez-Prado aprobou a obra xa advertimos de que non era das obras máis prioritarias do casco antigo e que había moitas rúas con peores pavimentos máis o bipartito fixo oídos xordos, incluso ao coincidir a execución da mesma co ano Xacobeo”.

Dalia García, portavoz dos populares engade que “non é maneira de tratar ao sector hostaleiro e comercial da vila que está situado nunha das principais arterias do casco antigo. Non teñen accesos aos seus locais, non saben a duración que van ter as obras...agora temos un peche inducido de comercios que están perdendo a tempada de outono/inverno en épocas propicias para a venda”.

García reitera que “chegaremos a onde teñamos que chegar para que o plan de seguridade da obra se cumpra integramente, se respecten as actividades comerciais que fan de Melide o que é, un pobo dinámico e vizoso, e non consentiremos ningún tipo de abusos”.

comentarios
Entrando na páxina solicitada Saltar publicidade