Xoves. 28.03.2024

O Partido Popular de Melide reitera as súas críticas ao equipo de goberno xa que “se nega a dar información que solicitamos, incorrendo nunha infracción tipificada pola Lei de Transparencia”.

Dalia García, a portavoz popular explica que “hai dous meses que solicitamos acceder ao expediente de Foliada, cando a lei tipifica como máximo o prazo dun mes, e unha vez que accedemos ao mesmo, vemos que non se nos dá acceso a dous dos tres puntos que solicitamos. Temos no noso poder os contratos de patrocinio que o bipartito de Pérez e Prado instou á súa firma por parte dos locais de hostalería para a celebración da Foliada e non puidemos consultalos, así como tampouco o informe que existe sobre eles dos técnicos municipais ao ter o Concello un ingreso que debe xustificar”.

Por outra banda, apunta a portavoz municipal dos populares melidenses, apuntou que “o goberno de Melide non posúe a sensibilidade que debe de cara os sectores económicos da vila como é o da hostalería; é dicir, despois de meses tan duros como os da pandemia onde este foi un dos sectores máis castigados polo confinamento e recordemos, nos que o Concello non provisinou ningunha axuda directa ao sector, nun ano no que o Concello recibe un total 18.333 euros da Deputación da Coruña xunto cos 15.000 euros que constan no orzamento municipal para a celebración da Foliada, e vista a boa saúde económica do Concello, non entendemos porque non se tivo en conta esta situación e desistir da utilización destes contratos de subministro de dubidosa legalidade”.