Venres. 29.03.2024

O PP de Teo vén de facer público o seu malestar polo recorte no horario das escolas infantís. “É un novo pau á conciliación familiar. Unha vez máis, decídese de forma unilateral un novo recorte que afecta de forma directa ás familias teenses. Nesta ocasión, os afectados son os usuarios das escolas infantís, xa que desde o próximo curso verán como o horario de uso do servizo recortarase de forma significativa, pasando a ser a hora de peche as 18 horas, no canto das 20 horas, horario que se mantén ata o de agora”, explican os populares.

Engaden que “desde o próximo mes de setembro, todas aquelas familias que facían uso deste horario por temas de conciliación laboral, deberán recorrer a outras alternativas de ámbito privado para poder desenvolver a súa xornada laboral con normalidade”.

Os populares recordan, “que esta medida podería provocar unha fuxida de pais e nais cara outros centros de Santiago cercanos xusto nestes momentos que se está en pleno proceso de admisión para o próximo curso. Tanto a permanencia das escolas infantís de Teo como admisión de novos alumnos ponse en perigo cando as familias detectan que non poderán conciliar”.