venres 03/12/21

O grupo municipal popular decidiu absterse na proposta de ditame do Plan de Obras e Servizos (Plan Único de Concellos) POS +2021 da Deputación provincial presentado polo goberno de AxA, por ter “un moi baixo carácter social, ao enfocarse na súa maioría en investimentos moi localizados”.

Con este voto, os concelleiros populares optaron por “non ser un obstáculo para a súa execución, toda vez que atende obras que recoñecen necesarias como son a mellora de camiños en Doroña e Fontelas, ou a estrada que comunica Arzúa, dende a parroquia de Lema ata a EDAR”.

Tal e como sinalou no pleno Rafael Rivadulla, voceiro popular, “as obras son necesarias, pero seguramente se puido aproveitar este POS+ para un mellor reparto social dos investimentos, noutro tipo de partidas en que o beneficio se repartise mellor entre todo o concello”.

Advirten os populares de que “a designación de investimentos por parte do goberno de AxA-PSOE se realiza sen participación da oposición, pois non son convocados en ningún momento”.

Critica Rivadulla que “o alcalde, José Luis García, xustifique que non se lle consulte á oposición por unha mera cuestión de urxencia, pois o alcalde é perfectamente coñecedor dos prazos aproximados de convocatorias dos POS, non é algo que o colla de sorpresa”.


 


 

comentarios