Venres. 29.03.2024

O grupo do Partido Popular na Deputación da Coruña levará a pleno unha moción na que insta o executivo provincial a que dote de fondos un plan que permita a implantación, renovación e mellora da rede de abastecemento e saneamento dos concellos de menos de 20.000 habitantes.

Dende o grupo popular subliñan que “na actualidade, e co problema do Covid-19, a importancia de contar con redes de abastecemento e saneamento que funcionen de forma eficiente é moito máis primordial para os cidadáns, xa que a vertedura directa e o tratamento inadecuado das augas residuais xeradas polas actividades humanas, é unha das principais causas de contaminación das augas subterráneas, fluviais e mariñas e da alteración e degradación dos ecosistemas asociados”.

“A pandemia da Covid-19 ten posto de manifesto a importancia vital do saneamento, a hixiene e un acceso adecuado a auga limpa para previr e conter as enfermidades”, apuntan os populares, que consideran esencial impedir a contaminación da auga, e subliñan a necesidade de que as augas residuais sexan depuradas antes de ser vertidas.

NECESARIA A RENOVACIÓN DAS INFRAESTRUTURAS

“Estamos a falar de infraestruturas que en moitos casos envellecen por falta de investimento na súa renovación e mantemento. Por iso, para aumentar a eficiencia nos servizos de abastecemento e saneamento é necesario un aumento de investimento tanto en mantemento, como na renovación e na súa mellora”, apuntan os populares.

Dende o grupo do Partido Popular na Deputación da Coruña lembran que “as institucións provinciais teñen entre as súas competencias a coordinación, entre outros, da prestación de servizos de abastecemento de auga potable a domicilio e evacuación e tratamento de augas residuais en municipios con poboación inferior a 20.000 habitantes”.

Os populares confían en “poder contar co voto a favor do resto de formacións tendo en conta que, unha postura contraria a esta moción sería, din, moi complicada de poder explicar naquelas zonas destes municipios de menos de 20.000 habitantes onde os veciños teñen “graves problemas” para contar cunha subministración de auga regular en pleno S.XXI”.