Xoves. 28.03.2024

O grupo do Partido Popular na Deputación da Coruña aproveitou o último pleno para reclamar ao goberno provincial a través do seu viceportavoz, Evaristo Ben, que poña en marcha o proxecto que permita levar a cabo as obras de modificación do proxecto de vía verde que se está realizando entre os concellos de Oroso e Trazo co obxectivo de elevar a altura do túnel situado entre as parroquias de Trasmonte e Castelo.

Os populares lembran que “estas obras son unha demanda realizada hai meses pola alcaldesa de Trazo, Fina Suárez, e o portavoz do Partido Popular en Oroso, Alexander Doval, que, no seu momento, remitíronlle por rexistro un escrito firmado por ambos ao presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso, no que pedía a modificación do proxecto de Vía Verde”.

Segundo Ben, na súa misiva, os populares explicaban que “o túnel , por riba descorrerá a Vía Verde, é de escasa altura o que imposibilita o paso de tractores e vehículos de certa altura, tendo estes que dar a volta pola Estación de Oroso, a uns 6 km de distancia”.

“Se ben é certo que o túnel pertence ao Concello de Oroso integramente, hai moitos gandeiros de Castelo que traballan nas fincas en Trasmonte e Deixebre, polo que dotar de máis altura este túnel aforraríalle ter que ir da a volta pola Estación de Oroso” apuntou Ben, quen incidiu en que “trátase dunha modificación mínima no que é o total do proxecto de vía verde, e que melloraría a vida de moitos veciños de ambos lados do río Lengüelle”.

O viceportavoz popular, que expresou o apoio dos populares ao proxecto da vía verde, aproveitou a súa intervención para demandar esta actuación e recordarlle ao presidente provincial que “trátase dunha petición de moitos veciños da zona”.