Xoves. 16.05.2024

Membros da candidatura do PP lucense ao Parlamento galego, alcaldes e voceiros das comarcas de Chantada, A Ulloa e os concellos limítrofes da provincia de A Coruña -Melide, Arzúa, Toques e Santiso-, así como da responsable de Economía, Industria e Innovación e candidata pola provincia da Coruña, María Jesús Lorenzana, adiantaron que o Partido Popular instará no Congreso ao Goberno do Estado garantir a viabilidade de Altri e o acceso a fondos europeos Next Generation.

A petición dos populares xurde logo de que, “en menos de 48 horas, dous ministros desautorizasen o compromiso que o presidente do Goberno lle trasladou hai ano e medio ao presidente da Xunta, cando publicamente aseguraba o apoio do seu Executivo a este proxecto que é unha oportunidade significativa para o desenvolvemento económico e a innovación industrial en Galicia”.

Por este motivo, dende o PP instan ao Goberno non só a rectificar senón a dar un paso máis e colaborar coa empresas e os posibles socios potenciais para fortalecer a cadea de valor e garantir un impacto económico sobre o emprego local, ademais de modificar a Planificación Eléctrica 2021-2026 para asegurar a construción da subestación eléctrica para que a planta teña o abastecemento enerxético necesario.

“Falar de reindustrialización non é vir a Galicia e dicir como fixo a ministra Ribera no me lo sé, ou como dixo o ministro Hereu que non se puxeron co proxecto ata decembro; falar de reindustrialización é, dixo, dar certezas para que nesta comarca se poidan crear 2.500 empregos e investir 900 millóns de euros, tal e como dende o Goberno galego se leva traballando”, apuntou Lorenzana.

A este respecto, a titular de Economía, Industria e Innovación manifestouse moi crítica, pois “este Goberno socialista, apoiado polos independentistas, é responsable de deixar a Galicia fóra da planificación enerxética, ao limitar os investimentos na nosa Comunidade ao 2,6%, establecendo así unha discriminación con respecto a outras CCAA”.