Mércores. 24.04.2024

Os populares melidenses denuncian “a vulneración de todos os preceptos legais establecidos en materia de persoal tanto a nivel estatal como autonómico na RPT proposta polo bipartito municipal”.

“O goberno de Pérez aproba unha RPT que non arranxa os problemas estruturais do Concello; lonxe de mellorar a estrutura de recursos humanos municipal temos serias dubidas que non obedeza a outro tipo de intereses de carácter político ou de mercadeo de prazas públicas” sinalan dende o PP logo de analizar os informes da Intervención e Secretaría municipal sobre o proceso que califican de “demoledores”·.

O PP sinalou igualmente que non está en contra da modificación e adaptación da anterior norma pero “si da proposta actual que nin se presenta ao pleno actualizada, e que supoñerá o aumento do gasto público de ata un 43% do presuposto municipal que baralla o Concello de Melide”.

“Os informes técnicos económicos e xurídicos son claros: ou se diminúen servizos e bens para os melidenses ou está en perigo a estabilidade orzamentaria e a regra de gasto; vulnerase o límite establecido pola lexislación estatal para aumento do gasto en persoal, pasando moi de longo a cifra, modifícanse substancialmente os postos de traballo sen coñecemento previo do traballadou, creanse outras prazas, os complementos dos postos repartense con criterios de dubidosa legalidade excedendo os límites legais para os mesmos, así como se asignan grupos A ou I de funcionarios ou laborais, os grupos máis altos, con fp de grao medio, cando é de público coñecemento que se necesita posuír unha titulación superior.

Especial atención, sinalan os populares, é a terceira modificación da RPT no que vai de mandato de AM-PSOE para o xefe de gabinete, quen experimenta unha diminución de funcións considerable camiñando a unha funcionarización do posto, pregúntanse os populares.

NOVO ORGANIGRAMA

Pola súa banda, o Concello explica que aprobou unha RPT que contempla a división do organigrama municipal en seis grandes áreas, xunto á Alcaldía. Estas áreas son a Xestión Administrativa; a Xestión Económica; Contratación e Persoal; Urbanismo, Obras e Servizos; Acción Social, Igualdade e Emprego; e Cultura e Deporte. Estas áreas funcionais rexeranse por unha Dirección administrativa. Ademais, a Radio Municipal e a Policía Local dependerán da área da Alcaldía.

A nova RPT, que virá substituír á vixente dende o ano 2006, foi consensuada con todos os grupos que conforman a representación sindical do persoal municipal -CSIF, CCOO e CIG-. É froito dun acordo unánime de todas as partes e o documento inicial foi redactado e seguido pola Fundación Universidade da Coruña a través dun contrato menor de 14.500 euros.

O alcalde de Melide, José Manuel Pérez, agradeceu o “talante dos sindicatos e dos compañeiros do Concello” para facer posible esta nova RPT. Igualmente, o alcalde aseverou que a administración local ten a obriga de dar exemplo no tocante ás condicións de traballo e retribución do mesmo, apostando pola “estabilidade laboral e os salarios dignos”.