Xoves. 28.03.2024

O PP de Melide demanda unha revisión “á baixa inmediata do IBI municipal debido á revalorización catastral á que están sendo sometidas ás 26 parroquias do municipio”. Apuntan que “no ano 2016 Melide xa regularizou debidamente o seu solo, segundo a lexislación estatal vixente”.

“Agora asistimos a un procedemento simplificado no que se modifica a ponencia de valores dos terreos urbanos do municipio, toda veciñanza con propiedade no rural melidense está sendo notificada e o goberno municipal mantén silencio sobre o procedemento, a que se debe, a que obedece, cales son os recursos, porqué se o executivo local o sabía non alegou que Melide xa tiña valorizado o seu solo? É esta a situación máis idónea?”, preguntan dende o Partido Popular de Melide.

“É de extrema hixiene democrática informar de primeira man aos veciños afectados, que serán moitos, tanto os propietarios de inmobles en núcleo rural como propietarios de terreos, nas 26 parroquias melidenses, que non posúen información axeitada sobre o procedemento que se está levando a cabo no noso municipio e que non saben que esta notificación que lles está chegando virá con recargo: 4 anos de importe engadido pola actualización”, apunta Dalia García.

“Con esta nova subida, Melide recadará unha media de medio millón de euros máis a lo menos, xa que todos os inmobles e terreos do rural estarán afectados dunha ou doutra maneira por esta nova revisión; nin é o momento nin é axeitado que Melide sexa o experimento deste bipartito, por iso imos pedir de inmediato unha baixada do tipo do IBI para que os propietarios poidan ter osíxeno nestes tempos tan complexos” reitera a portavoz popular.