Venres. 19.04.2024

 

Dalia García, voceira do Partido Popular de Melide, esixe ao goberno bipartito do Concello (AM-PSOE) que dea explicacións canto antes “pola desorganización no Día do Neno, por non asinar aínda o convenio coa asociación de festas e por aprobar o orzamento do ano en curso no mes de agosto”, indicou García que asegura que isto é un exemplo máis da desorganización e falta de xestión dun bipartito “preocupado tan só por sobrevivir, deixando á veciñanza e a nosa vila en total abandono”.

O PP de Melide segue agardando explicacións por parte do bipartito despois de que os nenos e as nenas da vila non puideran desfrutar do tradicional desconto nas atraccións de feira durante o Día do Neno, a pesares de anunciar nas páxinas oficiais do Concello de Melide unha rebaixa de ata o 50 por cento. Varios foron os veciños que se puxeron en contacto co PP para denunciar que os descontos feitos foron, en moitos dos casos, de tan só 0,50 céntimos de euro, e non da metade do custo como anunciara o Concello.

Puidemos constatar falando cos feirantes que ninguén pactara nin os informara desas condicións, e de motu proprio decidiron rebaixar nalgúns casos tan só 0,50 céntimos, por ser o último día de festa, o que é aínda máis grave”, denuncia a voceira do PP de Melide.

Outra mostra máis da “desorganización e falta de xerencia” do Goberno local, e polo que tamén esixe explicacións o PP de Melide, é que o convenio de colaboración coa comisión de festas “atópase sen asinar” e máis todavía “cando se aproba o orzamento do ano en curso no mes de agosto”.

Por outra banda, tamén esixen explicacións ao bipartito pola cancelación do concerto dunha formación melidense, cando o Concello é un apoio fundamental para aqueles que no día de hoxe conforman a Asociación San Roque e polo tanto, “non pode ser alleo ás decisión que non foron explicadas nin razonadas por parte de ningún responsable municipal”, precisou García.

Melide está a sufrir un Goberno ausente, preocupado tan só por sobrevivir, deixando a nosa vila sen o repecto e a preponderancia que se merece”, sentenciou Dalia García.