Xoves. 18.04.2024

O PP chama a atención sobre “os prexuízos de urbanizar rúas sen os servizos básicos municipais na rúa Uruguay e contorna onde non se previu no proxecto a rede separativa e agora ao executarse as obras confluirá coa avenida de Toques – Friol as augas residuais e pluviais xuntas”. Dalia García, portavoz dos populares di que “insistimos e puxemos esta cuestión de manifesto no pleno municipal onde o goberno de Pérez e Prado aprobou esta obra”. Engade que “por se fose pouco, e sendo manifesto o descoñecemento da realidade urbanística melidense, esta obra non cumpre accesibilidade, isto é, a normativa urbanística que é preceptiva e que o alcalde, J.M. Pérez tanto se loubou en predicar que o seu goberno cumpriría”. Apunta o PP que “as beirarrúas para cumprir accesibilidade 1,80 m libre de obstáculos que non se cumpre nin de lonxe”.

A portavoz popular subliña que “aínda que en solo urbano non operan estritamente as limitacións de urbanización é certo que non é entendible que se proxecte unha obra e non se trate de atopar unha solución técnica adecuada para á accesibilidade na urbanización, cuestión que queda unha vez máis en evidencia froito da falta de rigor e traballo do des goberno que lamentablemente vivimos en Melide”.

Dende a formación tamén reclaman que “se respecte a propiedade privada e se instamos a que se modifique o proxecto para instalar a rede separativa ao igual que se retiran as tubaxes de auga que non están incluídas no proxecto inicial e que, por suposto, o bipartito AM-PSOE si vai sufragar, non teñen escusa para retirar outros obstáculos como por exemplo os postes de tendido telefónico de madeira que invaden, cun feísmo extraordinario estas rúas”.