Xoves. 18.04.2024

O PP de Melide vén de recibir a resposta da Valedora do Pobo despois de rexistrar no pasado mes de decembro unha queixa debido “aos ataques políticos que recibiu a formación dende a páxina institucional do Concello de Melide por parte do bipartito AM-PSOE”.

Os populares recibiron resposta por parte da Valedora do Pobo onde se plasmaban tamén os argumentos por parte do goberno municipal. Dalia García, portavoz dos populares de Melide, cualifícaos de “auténtico relato novelesco de ficción por parte de AM e do PSOE ao xustificar a inexistencia do programa de Radio Melide que se viña celebrando tradicionalmente entre os grupos políticos con representación municipal no pleno dende hai máis de quince anos”. Argumentan que “suprimiuse integramente a programación de tarde da radio por razón da baixa laboral da locutora que a cubría, en unión a súa posterior e inmediata situación de conciliación de vida laboral e familiar que obrigou a que pasase a prestar os seus servizos en horario de mañá. Ademáis ponse de manifesto que non é o Concello de Melide o que establece a programación da radio, senón que son as locutoras as que, con plena autonomía, sen seguir directriz ningunha do Concello, acordan a programación e os seus contidos, quedando garantido a independencia do medio de comunicación”.

García denuncia que “baixo o goberno municipal bipartito abandeirado por J.M. Pérez as liberdades democráticas de Melide quedaron claramente mermadas; no mesmo escrito de contestación á queixa da Valedora o que se fai é montar un relato no que se utiliza aos traballadores do Concello como escusa pola súa falta de transparencia; o que é un feito constatado e que hai hemeroteca e arquivos sonoros que demostran que os membros do goberno bipartito AM-PSOE acoden á Radio Melide facendo comentarios sobre os que a oposición, nese mesmo espazo, non se pode defender, non son entrevistas ou monólogos de carácter institucional”. Engade que o alcalde di que “así o organizan as locutoras, cousa que poñemos en dúbida”.

A portavoz popular puntualiza que “as recomendacións da Valedora ao goberno municipal son claras, o goberno debe adoptar un regulamento de utilización da radio municipal e das redes sociais xa que non poden ser un instrumento partidista que vulnere os dereitos de participación dos membros da corporación como así o está facendo”.