Venres. 19.04.2024

O PP de Melide instará ao goberno municipal AM-PSOE a adoptar unha decisión sobre a necesidade de “presionar ao goberno de España para que remate cun compromiso claro e taxante os tramos Palas de Rei-Melide así como Melide-Arzúa os únicos que non están en funcionamento da autovía A-54”.

Dalia García, portavoz dos populares melidenses declara que “é lamentable que Galicia sufra a desconexión do goberno de Sánchez e os seus socios en Melide non alcen a voz ante este feito: milleiros de peregrinos que se ven avogados a camiñar con perigosidade pola falta de compromiso do goberno central para rematar unha infraestrutura pola que levamos agardando décadas; perigosidade que se ve incrementada pola cantidade de tráfico rodado que soporta a N-547 debido á proximidade do último tramo aberto en Palas de Rei e a súa continuidade no extraradio do veciño Concello de Arzúa; centos de melidenses que se desprazan a diario á capital da nosa comunicade ben para estudar ben para cumprir coas súas obrigas laborais cuxo peto se resinte ante a suba dos combustibles e a falta de seguridade así como as oportunidades económicas e turísticas que se perden debido a lentitude por executar esta obra”.

Tal e como explica García “o que pretendemos con esta moción é presionar ao goberno central para que garantice nos orzamentos do ano 2023 os cartos necesarios para rematar a obra; so así saberemos que é un compromiso serio, as boas palabras lévaas o vento” .