Martes. 23.04.2024

O explicou despois do último Pleno celebrado na vila que recorrerá “no contencioso esta proposta de organización dos recursos humanos do Concello ao ser unha proposta que conforme aos informes de intervención e secretaría “non se adecúa a dereito, perpetúa as desigualdades a igual traballo diferente retribución e da que o bipartito AM-PSOE mentiu dicindo que se aprobara por unanimidade polos sindicatos presentes na negociación; o feito é que o sindicato maioritario do Comité de Empresa do Concello de Melide na súa alegación sinala que a o documento que foi pactado coas organizacións sindicais non é o que finalmente se aprobou en pleno o que ao seu xuízo é un fraude de lei”.

NON ESTAMOS EN CONTRA DA RPT” DIN

Dalia García, portavoz dos populares melidenses, apuntou que “quero deixar claro que non estamos en contra da adecuación que era necesaria da Relación de Postos de Traballo á realidade actual do Concello pero non podemos permitir que, con informes claramente desfavorables se utilice este instrumento para subir indiscriminadamente o soldo en base a promesas electorais que, poden constituír un fraude de lei tal e como se establece no Código Civil e do que foron advertidos os responsables municipais”. García engadiu que “os melidenses de a pé teñen que saber que mentres a situación económica é de extremada dureza e delicadeza non podemos permitir que o 42% do orzamento municipal se dedique a sufragar soldos fóra da legalidade vixente e non se aumenten os servizos públicos”.

UNHA RPT ADECUADA PARA AS DINÁMICAS ESIXENTES E CAMBIANTE DE MELIDE” DI O GOBERNO

O goberno bipartido de Adiante Melide e os socialistas explican que “a nova RPT substitúe un documento vixente dende o ano 2006 e foi aprobada pola mesa de negociación na que están todos os grupos da representación sindical do persoal municipal. A través deste novo marco reitor, o traballo diario da Administración adecuarase ás dinámicas esixentes e cambiantes do actual Melide”.

En relación á anterior RPT, engaden dende o goberno municipal que “a nova opta por incluír todos aqueles postos de traballo estrutural que satisfán necesidades permanentes do Concello. Tamén consagra a funcionarización dos postos de traballo do persoal laboral, como é o caso dos postos de traballo social, a educación familiar ou os técnicos de administración xeral e urbanística. A nova RPT elimina prácticamente a totalidade das desigualdades existentes entre traballadores e facilita a organización do persoal do Concello o que supón unha modernización da administración”.