Xoves. 25.04.2024

O Partido Popular de Teo “aplaude os pasos adiante dados polo Sergas para a construción do novo centro de saúde no municipio”. O conselleiro de Sanidade da Xunta de Galicia, Julio García Comesaña, propuxo ao Concello de Teo unha localización máis cercana aos dous centros que vai absorber o novo, para a súa edificación.

 O rexedor respondeu hai días á carta que o titular de Sanidade da Administración galega lle enviara ao alcalde Rafael Sisto en novembro pasado, na que lle “instaba a que propuxera canto antes, para acelerar o proceso, posibles terreos que o Concello puidera ceder para levantar o edificio do centro de 2.500 metros cadrados, previsto pola Xunta no seu Plan de Infraestruturas de Atención Primaria”.

 Agora, noutra misiva, García Comesaña explícalle ao rexedor que “nos rexistros do Sergas figuraba como dispoñible unha parcela na Ramallosa, porque se trataba do proxecto antigo que, a diferenza do actual, pretendía unha centralización no municipio”.

 Segundo di o conselleiro, o proxecto que contempla o Plan de Infraestruturas é “distinto, porque limita a concentración a un novo edificio que absorba aos pacientes de dous dos catro actuais centros sanitarios de Teo, concretamente os de Cacheiras e Os Tilos”. Por iso para o titular de Sanidade a opción do terreo que suxire o alcalde semella “non ser a máis axeitada para o novo proxecto”.

 En canto ao emprazamento definitivo do centro de saúde, o voceiro dos Populares de Teo, José Manuel Guerra, subliña que “recentemente propiciamos un encontro entre responsables do Sergas e veciños dos Tilos, pero queremos deixar moi claro que temos en conta todas as sensibilidades do municipio”.