Venres. 19.04.2024

A secretaria xeral dos populares galegos, Paula Prado, avanzou que o seu partido presentará unha moción para instar ao Goberno central a priorizar o remate da A-54 en cada un dos oito concellos afectados polo atraso no seu remate —Santiago, O Pino, Arzúa, Melide, Palas de Rei, Monterroso, Guntín e Lugo—.

Prado visitou o tramo sen acabar da autovía Lugo-Santiago de Compostela xunto aos rexedores, voceiros e representantes do partido nos municipios prexudicados pola demora na execución das obras, acompañada tamén polo coordinador de Infraestruturas do PPdeG, Antonio Ameijide, e polo portavoz de Infraestruturas do Grupo Popular no Parlamento de Galicia, José Manuel Balseiro.

Paula Prado reunida con alcaldes e portavoces dos concellos afectados
Paula Prado reunida con alcaldes e portavoces dos concellos afectados

Antes de reunirse nunha xuntanza de traballo celebrada en Arzúa, os populares denunciaron a parálise dunha infraestrutura que Prado definiu como “fundamental” para a Comunidade e para a que o Estado non ten data para rematala. “Galicia non merece este desprezo do Goberno de España”, resaltou a secretaria xeral, que pediu que esta autovía estea dentro das prioridades do Executivo central e reclamou a súa inclusión nos Orzamentos Xerais do Estado de 2023.

Paula Prado, criticou que “o compromiso adquirido pola ministra Raquel Sánchez no encontro mantido co presidente da Xunta en xaneiro tamén se vaia incumprir de novo, xa que todo indica que a autovía A-54 non vai estar rematada no ano 2023”.