Luns. 24.06.2024

A presentación da nova ordenanza complementaria sobre as Vivendas de Uso Turístico (VUT) en Santiago, non convence en absoluto ao Partido Popular. O seu portavoz cre que a alcaldesa, Goretti Sanmartín, “volve mentir” porque “o BNG prometeulle ás familias con VUTS durante a campaña electoral que ía regularizar a súa situación, e o que pretende facer agora é ilegalizalas a todas”.

Borja Verea tamén sostén que a posibilidade de alugueiro turístico da vivenda habitual por un máximo anual de 60 días, recollida na norma, é “unha medida que vai destrozar o mercado de alugueiro. Non entendemos que a maneira do goberno local de fomentar o acceso á vivenda das familias compostelás, sexa permitir que durante dous meses ao ano calquera vivenda poida ser unha VUT. Este tipo de medidas fomentan os alugueiros temporais e non os permanentes”, engadiu.

Para o portavoz do PP, “estamos ante outro exemplo da falla de xestión e de rigor deste goberno que defende unhas políticas de cara aos medios de comunicación, pero despois os feitos demostran outras” Agora, dixo, “tócalle ao BNG e CA explicar que tipo de política de turismo pretenden levar a cabo con estas accións contradictorias”.