O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, destacou que o Goberno galego prevé acadar no primeiro semestre deste ano a trintena de procesos de concentración parcelaria rematados en Galicia desde 2020. Ademais, a administración autonómica traballa para alcanzar nese mesmo período as 30 novas zonas parcelarias decretadas, neste caso desde 2021. “Este é o camiño que Galicia necesita se queremos ter un rural moderno e aproveitar todas as oportunidades que hai agora e as que van vir”, indicou Rueda.
Durante a entrega dos títulos de propiedade a 617 veciños da parroquia de Santa Cruz de Montaos (Ordes), Rueda resaltou que “a concentración parcelaria é un dos mellores mecanismos para darlle valor ás terras e mellorar a competitividade das explotacións agrarias. A terra é riqueza e ten que estar organizada para poder explotala e sacarlle todo o partido. Nesta liña, cómpre destacar que grazas aos procesos de concentración, as explotacións aumentan a súa base territorial e poden reducir custos, o que se traduce nunha maior rendibilidade”, indicou.
Con esta parcelaria de Montaos —na que a Xunta investiu case 2 millóns de euros e que permitiu a reorganización de máis de medio millar de hectáreas— son xa 26 os procesos rematados en toda Galicia desde o ano 2020, que beneficiaron a máis de 13.100 propietarios. En paralelo, a Xunta decretou 28 novas zonas de concentración parcelaria desde 2021 que van reorganizar 23.000 hectáreas de case 110.000 parcelas de máis de 16.100 propietarios. O obxectivo, tal e como resaltou Rueda, é “chegar á trintena de procesos rematados e á trintena de novas zonas decretadas ao longo dos primeiros seis meses deste ano”.