Luns. 24.06.2024

A futura Cidade de San Caetano, que modernizará e aumentará as dependencias da Xunta de Galicia nesta zona de Santiago, acollerá nun único espazo servizos do Goberno Autonómico que actualmente están espallados por Compostela. Este 7 de xuño o presidente galego supervisou as obras da primeira fase, que se están a executar no espazo que ocupaba a vella estación de autobuses e que rematarán no segundo semestre de 2025 se todo vai ben.

Só nese edificio está previsto que traballen 700 funcionarios e funcionarias públicas “en condicións moito máis axeitadas”, segundo Alfonso Rueda. Ademais de seren máis modernas, as novas instalacións tamén van permitir optimizar o servizo que se lle presta á cidadanía, evitando que a xente teña que ir dun lugar a outro cando precise realizar algún trámite administrativo. A maiores, o executivo autonómico defende que, só esa primeira fase do proxecto, vai permitir un aforro de 1,1 millóns de euros mensuais en alugueres.

Rueda, que estivo acompañado na súa visita polos conselleiros de Facenda, Miguel Corgos, e de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, María Martínez, destacou que a construción será eficiente enerxéticamente, grazas a un innovador sistema apoiado na xeotermia. Iso sen deixar de lado a estética, xa que a obra se integrará perfectamente coa súa contorna, e a aposta que supón pola mobilidade sostible grazas á senda que está executando a Xunta na zona.

Unha vez remate esta primeira fase quedaría por acometer unha segunda que é a que iría no espazo que actualmente ocupa o parque de bombeiros. Para poder levala a cabo, Rueda agarda chegar tamén a un acordo co Concello de Santiago que permita o traslado a outro lugar da cidade das instalacións destinadas aos efectivos contraincendios. Cabe destacar que o esquelete de Salgueiriños leva paralizado desde o ano 2006.