Xoves. 28.03.2024

A Xunta de Galicia segue a aumentar o número de persoas usuarias do programa Xantar na casa coa súa entrada en servizo en Melide. O xerente do Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar, Perfecto Rodríguez, e o alcalde, José Manuel Pérez, asistiron á posta en funcionamento desta iniciativa, da que se benefician seis veciñas e veciños melidenses.

Perfecto Rodríguez destacou que “a través do Xantar na casa achégase aos domicilios unha dieta equilibrada, de calidade e axustada ás necesidades de cada persoa usuaria.” Así mesmo, apuntou que “este programa se desenvolve en coordinación cos servizos sociais municipais, o que permite realizar un labor de prevención e vixilancia da situación destas persoas, posto que o reparto de comidas supón manter con elas un contacto regular”.

Comezou así, a distribución de comidas nas vivendas das seis persoas de Melide que actualmente son usuarias deste servizo, ampliable ata un máximo de dez, segundo o convenio de colaboración subscrito entre a Administración autonómica e a local. O prezo de cada menú diario é de 6,60 euros, dos que a Xunta achega 3,08; o Concello, 1,76; e a persoa usuaria, outros 1,76 euros.