Xoves. 25.04.2024

O alcalde de Oroso, Luis Rey, e o senador Manuel Mirás mantiveron unha reunión en Madrid co director xeral de Estradas do Ministerio de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana, Javier Herrero Lizano, para negociar unha conexión alternativa desde a estrada N-550 ao futuro polígono industrial San Martiño II, debido a que a normativa vixente impide a construción dunha rotonda convencional en superficie pola elevada densidade de tráfico e a existencia doutras glorietas próximas.

O rexedor local amosouse “satisfeito” coa nova solución de construír unha glorieta por debaixo da estrada N-550, xa que, “aínda que sería máis custosa, contaría co visto bo da Dirección Xeral de Estradas e permitiría desbloquear o desenvolvemento do polígono industrial”. “Temos o compromiso do director xeral de que antes de finais de ano estará plasmada tecnicamente esta nova solución”, salientou o alcalde.

Tal e como apuntan fontes municipais, unha vez aprobada esta alternativa de conexión por parte do Ministerio de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana, xa só restaría como último trámite administrativo a aprobación da modificación puntual nº 7 do Plan Xeral de Ordenación Municipal (PXOM) por parte da Xunta de Galicia, o que permitiría comezar a urbanizar a primeira das tres fases en que está previsto o desenvolvemento do Polígono Industrial San Martiño II.

Luis Rey lembrou que na actualidade o Concello de Oroso ten operativos o Parque Empresarial de Sigüeiro, cunha superficie bruta de 395.124 metros cadrados e o Polígono Industrial de Oroso, con 53.845 metros cadrados, polo que o desenvolvemento de 445.004 metros cadrados do Polígono Industrial San Martiño II achegaría o municipio ao umbral do millóns de metros cadrados de superficie empresarial.

“Oroso, polo seu patrimonio natural e a súa proximidade con Santiago, é un concello moi apetecible para vivir e traballar e por iso queremos seguir atraendo empresas que xeren postos de traballo para que a nosa poboación teña saídas profesionais aquí, preto da casa, e para que os niveis de desemprego sigan estando entre os máis baixos dos concellos da nosa categoría”, argumentou o alcalde. Por último, Luis Rey e Manuel Mirás tamén aproveitaron o encontro co director xeral de Estradas para interesarse polo estado do proxecto da variante que pretende eliminar o paso do tráfico de vehículos pesados polo centro de Sigüeiro.