Sábado. 20.04.2024

 

Que mecanismos se poñen en marcha dende a Consellería de Medio Rural para afrontar a despoboación do rural?


 

A loita contra o despoboamento e o abandono de terras no rural é unha tarefa transversal dentro do Goberno galego. Son diferentes os departamentos implicados nesta tarefa, xa que se trata de impulsar medidas de carácter tanto económico como social. Ademais, cómpre fornecer o rural de toda clase de servizos que faciliten a vida dos residentes e que melloren, no posible, a súa calidade de vida.

Dito isto, engadiría que, por parte da Consellería do Medio Rural, desenvolvemos diversas actuacións de fomento e ordenación. Fomento da actividade económica, tanto a propiamente agraria como en xeral, con axudas coordinadas pola Axencia Galega de Desenvolvemento Rural.

Entre elas, cómpre destacar o programa Leader, que só no período 2014-2020 permitiu a posta en marcha de preto de 1.500 proxectos (tanto produtivos como non produtivos), cos que se conseguiron consolidar 3.256 empregos e crear outros 933 novos postos, cunha axuda pública de 71,5 millóns de euros.

Dende outros departamentos da Consellería tamén se xestionan axudas importantes para fomentar e consolidar a actividade agrogandeira e forestal. Así, a Dirección Xeral de Gandaría, Agricultura e Industrias Agroalimentarias fornece de fondos para plans de mellora das explotacións, incorporación de mozos ao agro e creación de pequenas explotacións. Tamén, para apoiar ás industrias agroalimentarias, con achegas para facilitar a comercialización dos seus produtos.

Neste sentido, cómpre destacar que, en relación coa xeracional, dende o ano 2009 recibiron fondos para incorporarse ao agro máis de 4.000 mozos, cunha axuda total que superou os 117 millóns de euros nese período.

Por suposto, tamén hai que mencionar aquí a xestión que se fai dos fondos da PAC, que constitúen un piar esencial para garantir rendas dignas -e polo tanto para fixar poboación- no rural.

Outro tanto poderíamos dicir das subvencións que se xestionan dende a Dirección Xeral de Planificación e Ordenación Forestal, destinadas a poñer en valor o noso monte tanto económica como social e ambientalmente.

Ademais destas medidas de fomento, tamén impulsamos a ordenación do territorio rural con medidas como a Lei de recuperación da terra agraria de Galicia, que cumpriu xa un ano de vixencia e que propiciou nese período a mobilización de máis de 9.300 hectáreas. Grazas a esta norma dispoñemos xa en Galicia de 21 aldeas modelo e doutros tantos polígonos agroforestais. Todas elas inciden na loita contra o despoboamento e o abandono e infrautilización da terra.

Cómpre destacar, unha vez máis, a profesionalidade e eficacia do dispositivo contra incendios de Galicia, sen dúbida un dos mellores de España

Aínda por rematar, pero ata o momento que balance se pode facer da última campaña antiincendios?

Falamos dunha campaña dura e intensa, polo número e a virulencia dos incendios. Porén, cómpre destacar, unha vez máis, a profesionalidade e eficacia do dispositivo contra incendios de Galicia, sen dúbida un dos mellores de España e que mesmo constitúe un referente de eficiencia e bo facer a nivel internacional.

O seu esforzo fixo posible que non tiveramos que lamentar danos persoais, malia a intensidade dos lumes.

Polo demais, hai que destacar tamén que desde o mesmo momento en que os incendios quedaron extinguidos empezamos xa a traballar na recuperación das áreas afectadas. Fixémolo co impagable asesoramento dos investigadores do CIF de Lourizán, que unha vez máis amosaron a súa profesionalidade e versatilidade á hora de afrontar estes traballos.

Así que considero que a pesar das dificultades fixemos un intenso traballo tanto de prevención como de extinción, así como na planificación da recuperación dos solos, unha tarefa na que seguiremos incidindo nos vindeiros meses.

Quero salientar, ao tempo, que a Xunta inviste anualmente máis de 180 millóns de euros na prevención e loita contra os incendios forestais, sendo a comunidade que maior esforzo fai neste sentido. En canto aos medios humanos e materiais mobilizados, despréganse anualmente en Galicia ao longo da época de alto risco máis de 7.000 persoas, contabilizando tanto os profesionais propios da Xunta como os adscritos a outras administracións.

Cómpre fornecer o rural de toda clase de servizos que faciliten a vida dos residentes e que melloren, no posible, a súa calidade de vida

Que opinión lle merece a nova Lei da cadea alimentaria?

Consideramos que esta norma é papel mollado, porque non está a amosar eficacia para frear prácticas como a venda a perdas.

Por este motivo é polo que fixemos propostas durante a súa tramitación para, entre outras cousas, habilitar instrumentos que permitan referenciar os prezos a partir dun cálculo imparcial e preciso dos custos de produción. Unhas propostas que finalmente foron rexeitadas. Nesa liña vai, por exemplo, a nosa ferramenta Conta Láctea, como aplicación informática que permite calcular eses custos dun xeito preciso e, polo tanto establecer un prezo de referencia para que cada operador da cadea respecte ao anterior.

Nesta liña, realizamos tamén diferentes estudos que nos permitiron constatar a situación de venda a perdas xeneralizada en sectores como os do leite e da carne, algo que nos serviu para mobilizar aos axentes destes eidos produtivos e, no caso da carne, para acadar un acordo histórico en Galicia fronte a venda a perdas. Isto non se puido levar a cabo co lácteo, aínda que llo propuxemos ao Goberno central, porque neste sector tería que capitanear esas medidas o Ministerio.

Pero seguimos e seguiremos traballando, dentro das nosas competencias, a prol dunha maior transparencia e equilibrio entre os diferentes axentes de valor na cadea alimentaria.

Apostamos por enfoques como o de dar pulo aos produtos de proximidade e quilómetro cero

Dende a súa consellería promóvese a economía circular, como vai beneficiar iso á poboación galega?

Falamos de beneficios xerais, para o conxunto da sociedade, e de vantaxes concretas, para colectivos como os consumidores. Así, é indubidable que a economía circular favorece a loita contra o cambio climático e vai na liña das políticas europeas e internacionais a prol de fitos como a descarbonización.

Por iso, apostamos por enfoques como o de dar pulo aos produtos de proximidade e quilómetro cero, tanto no eido alimentario como forestal.

Na mesma liña, avogamos, por exemplo, por potenciar o uso da madeira dos nosos montes como elemento estrutural na construción ou por ordenar o territorio rural como fórmula de recuperación da terra e de loita fronte o despoboamento.

Todas as nosas actuacións inciden nesa finalidade de procurar sustentabilidade económica, social e ambiental ao medio rural galego.

Todas as nosas actuacións inciden nesa finalidade de procurar sustentabilidade económica, social e ambiental ao medio rural galego

Vaca e Boi de Galicia xa van poder comercializarse en toda Europa, que vai supoñer para o sector?

Isto pode supoñer un salto cualitativo e cuantitativo sen precedentes para a Indicación Xeográfica Protexida. Un selo de calidade con gran prestixio en Galicia e no conxunto de España pode proxectarse agora no conxunto de Europa coa forza que dá a súa certificación. Falamos da posibilidade de abrirnos a novos mercados e, por suposto, da consolidación desta IXP naqueles nos que xa está moi ben situada.

Pola nosa parte, seguiremos colaborando co consello regulador tanto en materia de promoción e comercialización do produto como, desde logo, na defensa e garantía da súa calidade diferenciada.

José Gónzalez, na entrevista que mantivo con Bisbarra
José Gónzalez, na entrevista que mantivo con Bisbarra

A Consellería do Medio Rural presentou recentemente un plan estratéxico do castaño, en que vai consistir?

O Programa estratéxico do castiñeiro e da produción da castaña enmárcase nos obxectivos da 1ª revisión do Plan Forestal de Galicia 2021-2040 “Cara á neutralidade carbónica” de recuperar 8.000 hectáreas de soutos tradicionais e plantar outras 16.000 ha novas para a produción de madeira e de froito desta especie. Cun período de execución que tamén se prolongará ata o ano 2040, a iniciativa conta cun orzamento de preto de 22 millóns de euros -incluíndo fondos públicos e privados- para a primeira etapa de accións deica o 2025, ata cando se prevén plantar 3.500 hectáreas de castiñeiro para froito e 2.000 ha para a produción de madeira, así como restaurar 2.000 ha de soutos.

O programa establece unha diagnose da situación actual dos castiñeiros en Galicia como base para programar 36 actuacións integradas en cinco eixes de intervención, centrados na planificación e seguimento da produción, na transferencia de información dende as entidades investigadoras e no apoio ao sector viveirístico para garantir a subministración de planta, no fomento de recursos e aproveitamentos, no impulso á comercialización e á calidade da castaña e, por último, na mellora da competitividade das empresas.

A través de todas estas medidas, búscase involucrar a todos os axentes implicados no sector, como a Administración, os distintos actores económicos e sociais comarcais, os grupos de desenvolvemento rural, os viveiros, os produtores forestais e os representantes do tecido empresarial transformador e comercializador, con vistas a acadar a máxima xeración de valor engadido vinculado ao cultivo do castiñeiro.


 

As axudas da PAC son fundamentais para dar sustentabilidade ao sector agrogandeiro


 


 

Axudou a PAC a aliviar a situación que viven moitos gandeiros coa crise do campo? Existen máis axudas para este sector?

Dende logo, as axudas da PAC son fundamentais para dar sustentabilidade ao sector agrogandeiro. Pensemos que, só na última convocatoria, estamos a falar de 210 millóns de euros para o rural da nosa comunidade. Son fondos clave para asegurar rendas dignas aos nosos agricultores e gandeiros, así como para asegurar a súa actividade. E por iso a Consellería do Medio Rural sacou o pasado mes de maio a orde de axudas para o adianto dos pagamentos da PAC 2022 a través das entidades financeiras. Esta orde permitía adiantar ditos anticipos antes da data legal permitida, establecida no 15 de outubro.

Ademais, desde a Xunta fíxose unha convocatoria específica para facilitar o crédito ás explotacións de vacún en condicións moi favorables, dotada de 5 millóns de euros e cunha capacidade de xerar uns 25 millóns de euros en préstamos. Por último, levouse a cabo unha modificación da orde de adianto das axudas da PAC para permitir tamén adiantar axudas para o sector cárnico -dotadas cun orzamento de 17 millóns de euros- en forma de préstamo.

Polo demais, a Consellería do Medio Rural conta con numerosas axudas ordinarias de apoio ás explotacións agropecuarias, ademais das axudas propias da solicitude única da PAC (que inclúe axudas directas e de desenvolvemento rural), que só para o ano 2021 ascenderon a máis de 68,5 millóns de euros.

A maiores, cómpre referirnos ás estratexias sectoriais do leite e da carne. A do leite elaborada e a da carne en elaboración. Ambos son documentos realizados con e para o sector, que propoñen multitude de solucións para garantir o seu futuro. Solucións para a produción, para a transformación e para a comercialización. Solucións para acadar prezos competitivos e para valorizar estas producións. En definitiva, trátase de aportar propostas construtivas, elaboradas e consensuadas para ambos eidos produtivos, como verdadeiras follas de ruta para asegurar o seu porvir.


 

Cales son os grandes retos do campo galego a curto medio prazo?

A conxuntura económica actual non é moi favorable para os nosos agricultores, gandeiros e silvicultores, pero eu son razoablemente optimista, porque creo no futuro do noso rural. Dende esa crenza, estamos traballando a prol do agro galego con intensidade.

Actuamos en favor da dixitalización do noso campo, sen dúbida un dos seus retos inmediatos. Tamén, para consolidar a calidade que define as nosas producións alimentarias, que ten que servir como panca de futuro para todo o rural.

A mellora da comercialización deses produtos é outro obxectivo claro e no que estamos investindo recursos e esforzos.

Dende un punto de vista máis xeral, consideramos clave a ordenación do territorio rural como fórmula para loitar contra o abandono de terras e o despoboamento.

A dotación e mellora de servizos é outra liña de actuación, para a que temos un apoio fundamental, como é o programa Leader.

En definitiva, temos que seguir traballando para facer posible que a xente viva “no” e “do” rural, cun enfoque que teña en conta a sustentabilidade ambiental, desde logo, pero tamén a social e económica.