Xoves. 25.04.2024

A área de Turismo da Deputación da Coruña xunto cos concellos polos que atravesa o río, botan a andar unha campaña para promocionar os recursos turísticos do Ulla, en especial o seu patrimonio histórico, artístico e natural e deportivo. O vicepresidente e deputado de Turismo, Xosé Regueira, xunto con alcaldes dos concellos, participaron no acto de presentación do video "Goza do Ulla" que se desenvolveu na capela da Madanela de Arzúa.

Dos vinte concellos que están atravesados polo Ulla, nove forman parte da provincia da Coruña e iso quedou á vista na capela da Madalena, no acto de presentación do video promocional sobre o río no que, ademais do vicepresidente da Deputación da Coruña, Xosé Regueira, e o alcalde de Arzúa, José Luís García participaron o alcalde de Dodro, Xabier Castro, acalde de Touro, Ignacio Codesido, alcalde de Vedra, Carlos Martínez Carrillo, alcalde de Boqueixón, Manuel Fernández Munín, alcalde de Santiso, Manuel Adán, a concelleira de Turismo de Arzúa, Begoña Balado, e a concelleira de Turismo de Teo, María López.

O vicepresidente da Deputación, Xosé Regueira, sinalou que o video é o "primeiro paso dun proxecto máis ambicioso para a promoción dun producto de primeira magnitude co fin de conseguir experiencias turísticas que están a funcionar noutros destinos como Francia ou o Canal de Castilla".

Destacou tamén que a cantidade e calidade de recursos nos 132 quilómetros de percorrido dan opción para "aproveitar a riqueza de auga doce e favorecer o turismo deportivo, nautico ou o sendeirismo nun proxecto de aproveitamento para articular unha iniciativa de grande valor turístico e medioambiental".

"O Ulla ten unha grande biodiversidades, paraxes fantásticas e grandes posibilidades de turismo activo que temos que experimentar coa colaboración institucional das distintas administracións implicadas nunha iniciativa pioneira da que se pode tirar moito proveito", explicou Regueira.

Pola súa parte, o alcalde de Arzúa, José Luís García, agradeceu que o seu concello fora o elixido para a presentación do video e afirmou na súa intervención que o Ulla é "un producto redondo porque ten de todo, gastronomía, paisaxe, patrimonio". "Temos dúas opcións, ou actuar de maneira localista ou sacar rendabilidade a este producto turístico cun traballo conxunto e coordinado", apuntou o alcalde de Arzúa que considerou tamén o video como un punto de partida dun proxecto máis ambicioso arredor do Ulla.

APOSTA POLO TURISMO FLUVIAL

No acto proxectouse o video "Goza do Ulla" , un produto con formato de documental en que dous mozos e unha moza seguen a pé o territorio que percorre o río, desde Antas de Ulla até a desembocadura en Vilagarcía de Arousa, pasando por vinte concellos das provincias de Lugo, A Coruña e Pontevedra dos que Santiso, Arzúa, Touro, Boqueixón, Vedra, Teo, Padrón, Dodro e Rianxo pertencen a terras coruñesas.