Manterán novas reunións para analizar a situación das xestións

A xerente de SEA e o alcalde de Pontedeume abordan a situación do chan industrial e a demanda empresarial

Bernardo Fernández e Beatriz Sestayo durante a reunión

A xerente de “Suelo Empresarial do Atlántico” SEA, Beatriz Sestayo, reuniuse co alcalde de Pontedeume, Bernardo Fernández, para analizar a situación industrial da localidade e a demanda empresarial existente.

Na reunión, celebrada a pedimento do alcalde e desenvolvida na Casa do concello, abordouse a necesidade de chan industrial na localidade e a situación de distintas xestións vinculadas ao polígono de Vidreiro.

Beatriz Sestayo coincidiu con Bernardo Fernández nas oportunidades que se abren para o emprego e o desenvolvemento socio económico da comarca tras o inicio da construción en Navantia Ferrol das fragatas F-110, que xerarán 9.000 empregos nunha década.

Neste contexto destacaron a necesidade de profundar en ofrecer alternativas de chan industrial, atractivas para diferentes tipoloxías de empresas, e en mellorar a oferta dispoñible.

Ademais, a xerente de SEA comprometeuse a analizar as cuestións expostas polo alcalde, co que manterá novas reunións.