Venres. 19.04.2024

A Xunta de Galicia destinará este ano 2 millóns de euros a sacar unha nova convocatoria do Programa Rexurbe co obxectivo de adquirir inmobles e edificios en estado de abandono ou deteriorados para proceder á súa rehabilitación integral e construír vivendas de promoción pública destinadas ao alugueiro.

 Así o expuxo en Ferrol a conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, no marco do segundo dos encontros informativos #ConstruíndoFogar que organiza o seu departamento para dar a coñecer o conxunto de liñas de subvencións que xestionará a Xunta ao longo do ano 2022.

 Precisamente, a responsable autonómica aproveitou a súa presenza na cidade para anunciar que Ferrol será un dos municipios incluídos na próxima convocatoria do Programa Rexurbe. Neste sentido, explicou que a Xunta ten intención de mercar máis inmobles no centro histórico ferrolá, que se sumarán ás 19 propiedades que xa ten o Instituto Galego da Vivenda e Solo neste ámbito.

 Acompañada pola delegada territorial da Xunta en Ferrol, Martina Aneiros, e ante máis dun cento de representantes municipais, empresarios, profesionais de distintas ramas do sector e veciños dos 20 concellos da comarca, Ángeles Vázquez subliñou “a gran oportunidade que suporá para Galicia a trintena de programas de axudas e incentivos no eido residencial que ten previsto convocar o seu departamento este ano e que permitirán poñer a disposición de particulares, concellos e promotores máis de 150 millóns de euros”.

 BENEFICIARIOS EN FERROL

Durante a súa intervención, a conselleira animou aos asistentes a informarse sobre o amplo abano de axudas en materia de vivenda ao que poderán optar en 2022 e contribuír así a dinamizar o mercado da vivenda de Ferrol e a súa comarca.

 En concreto, haberá incentivos á rehabilitación do parque residencial dirixidos a particulares e comunidades, como as axudas a nivel de barrio, que se poden solicitar desde o pasado 4 de marzo para obter unha axuda de ata 3.000 euros para actuacións que reduzan o consumo e melloren a eficiencia enerxética dos fogares, principalmente a través do cambio de ventás; ou o programa de subvencións para recuperar inmobles dentro da Área de rehabilitación integral (ARI) supramunicipal dos Camiños de Santiago.

 Así mesmo, co fin de facilitar o acceso a unha vivenda en propiedade, está aberto ata o 30 de setembro o prazo para solicitar as axudas para comprar unha VPP ou para adquirir un inmoble nun dos case medio cento de centros históricos declarados en Galicia.

No eido do alugueiro, manteranse programas xa consolidados como as axudas ao alugueiro ou o Bono social e o Bono para vítimas de violencia de xénero, ao tempo que se empezarán a xestionar novas axudas, como o Bono de alugueiro mozo ou os incentivos para menores de 35 anos que opten por irse a vivir como arrendatarios ao rural, contribuíndo así ao reto demográfico.

 Así mesmo, tendo en conta que o Camiño Inglés discorre polos municipios de Ferrol, Neda, Fene, Cabanas e Pontedeume, os propietarios de inmobles nalgún destes concellos poderán optar ata o 30 de setembro a unha axuda de, como máximo, 25.000 euros para rehabilitar a súa vivenda localizada dentro da ARI dos Camiños de Santiago.