Xoves. 25.04.2024

A delegada da Xunta de Galicia en Ferrol, Martina Aneiros, acompañada do xefe territorial de infraestruturas, José Antonio Álvarez, visitou a autovía AG-64 ao seu paso por Narón, onde anunciou que o goberno autonómico executará as obras de reparación e reforzo do firme desta autovía que une Ferrol e Vilalba, concretamente no treito que transcorre polo concello naronés, así como San Sadurniño, As Somozas e As Pontes de García Rodríguez.

 A Plataforma de Contratos Públicos de Galicia recolle o anuncio de licitación destas obras por un importe de case 1,5 millóns de euros. As empresas interesadas teñen ata o día 18 de abril para presentar as súas ofertas e o prazo de execución é de 6 meses.

 As obras desenvolveranse nos primeiros 40 quilómetros da autovía, entre os puntos quilométricos 0+000 e o 39+790. Ao longo deste treito repararase o firme que se atope en mal estado, coa mellora da capa de rodadura así como das condicións de adherencia, ademais de actuacións complementarias  de mellora de drenaxe nos puntos onde sexa necesario. O proxecto inclúe a renovación da sinalización vertical e horizontal nas zonas nas que estea deteriorada.

 A delegada da Xunta en Ferrol resaltou a importancia destes traballos xa que, segundo dixo, “trátase dunha autovía cunha alta intensidade de tráfico, dos que unha parte importante corresponde a tráfico pesado e na que é fundamental manter os parámetros de seguridade viaria e garantir as mellores condicións da vía”.

 A execución das obras compatibilizarase co mantemento do tráfico rodado.