Venres. 29.03.2024

O delegado da Xunta na Coruña, Gonzalo Trenor, informou da resolución do ano pasado do Bono Autónomo na área de Santiago. Concretamente, nesta comarca recibiron estas axudas no 2020, 216 persoas e as achegas totais foron de máis de 495.000 euros para traballadores por conta propia dos concellos de Ames, Arzúa, A Baña, Boimorto, Boqueixón, Brión, Dodro, Melide, Negreira, Ordes, Oroso, Padrón,O Pino, Rois, Santa Comba, Santiago de Compostela, Santiso, Teo, Toques, Touro, Trazo, Val do Dubra e Vedra,

Trenor destacou en relación coa convocatoria de axudas do Bono Autónomo, que “son partidas de ata 3000 euros para apoiar servizos e investimentos encamiñados á mellora da competitividadeempresarial ou profesional dos traballadores por conta propia que conten cunha antigüidade superior aos 42 meses”.

A actuación contou con dúas liñas de axudas para mellorar a competitividade dos autónomos. Apoiouse, dunha banda, o desenvolvemento de servizos destinados á investigación de mercado e plans de marketing, comunicación, estratexia, crecemento, comunicación, refinanceamento ou reorientación do negocio, así como os dirixidos ao uso das novas tecnoloxías. Tamén se aprobaron axudas para outros estudos ou plans que teñan como fin incrementar a competitividade da actividade empresarial.

Financiáronse, doutro lado, investimentos relacionados coa compra de maquinaria, ferramentas, equipos informáticos ou rótulos; coa reforma do local; a posta en marcha de aplicacións informáticas e páxinas web ou a creación de logotipos do negocio.

O delegado da Xunta tamén informou que en breve abrirase a convocatoria do Bono Autónomo deste ano e que contará con 5,5 millóns de euros, un 10% máis ca no anterior convocatoria, para apoiar na súa consolidación os emprendedores que leven máis de 42 meses de traxectoria. Esta orde volve a contar coas dúas liñas de axuda, unha para a mellora da competitividade a través de diferentes servizos e outra para investimentos, con apoios do 80% do proxecto a desenvolver e unha axuda máxima de 3000 euros por beneficiario.