venres 03/12/21

O Consello da Xunta autorizou a expropiación para executar unha senda peonil na estrada autonómica AC-413, na entrada ao núcleo da Tablilla desde Ordes, no concello de Cerceda.

O investimento que o Goberno galego destinará a esta actuación, que tamén beneficia ao municipio de Tordoia, supera os 125.000 euros, nos cales se inclúe o pagamento do único predio necesario para a súa execución. O obxecto desta actuación é a construción dunha senda na marxe esquerda da estrada de titularidade da Xunta de Galicia, no treito comprendido entre os puntos quilométricos 11+960 e 12+385, coa finalidade de seguir mellorando a seguridade viaria na contorna e dotar dun itinerario peonil continuo ao longo da vía que facilite os desprazamentos a pé dos veciños.

A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade procederá ao levantamento da acta previa e á licitación das obras no segundo semestre do ano. Os traballos contan dun prazo de execución de seis meses. O novo itinerario de algo máis de 0,4 quilómetros proxéctase en formigón cor terrizo natural e estará limitado exteriormente por un bordo que o diferencie do resto da plataforma. O ancho do itinerario será constante e acadará os 2 metros. Nesta actuación inclúese a execución da rede de pluviais, da rede de iluminación pública e da reposición de sinais e marcas viarias do bordo da calzada.

A Xunta ten solicitado á Dirección Xeral de Tráfico a instalación de medidas para o control de velocidade na recta da Tablilla, cara a unha calma de tráfico e ao reforzo da seguridade viaria nesa zona.

comentarios