Venres. 19.04.2024

A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, avanzou a licitación por máis de 487.000 euros das obras para dotar de saneamento os núcleos de Viladónega, O Outeiro e O Pedral, no concello de Boimorto, que estarán rematadas a comezos de 2023.

 Vázquez Mourelle achegouse ata o lugar de Viladónega para presentar as actuacións previstas para dotar co servizo de saneamento estes tres núcleos rurais, con vivendas unifamiliares, na súa maioría delas dispersas, e en cuxa contorna hai tamén unha pequena explotación gandeira e un bar, que actualmente carecen dun sistema de depuración de augas residuais.

 A conselleira explicou que “as obras están enmarcadas no convenio asinado entre a Xunta de Galicia e o Concello o pasado mes de xullo, polo que a entidade local se comprometeu a realizar os trámites e a poñer á disposición os terreos, ademais de cofinanciar o 20% das actuacións”.

 A Xunta, pola súa banda, executará as obras e financiaraas achegando o 80% do investimento, para o que poderá contar con financiamento europeo do eixe REACT-EU do programa operativo FEDER Galicia 2014-2020, como parte da resposta da UE á pandemia da covid-19.

Está prevista tamén a construción dunha rede de colectores, complementada con 75 pozos de rexistro, ademais de executar unha nova depuradora de augas residuais. As actuacións, no seu conxunto, darán servizo a unha poboación de 150 habitantes no ano horizonte 2044.

 A rede de colectores executarse en tubaxe de PVC, por gravidade e sen bombeos intermedios, ademais dun tramo en hinca, para cruzar a estrada autonómica. A lonxitude total da rede supera os 2,5 km de lonxitude, complementada cos correspondentes pozos de rexistros, un total de 75.

 A conselleira puxo o acento en que “a rede que rematará na nova estación depuradora de augas residuais que se vai executar non require achega de enerxía eléctrica ao funcionar por gravidade, e tan só contará cun panel solar que proporcionará o subministro de enerxía eléctrica necesaria para alimentar a instalación e un punto de luz”. Isto, subliñou, é algo certamente importante tendo en conta que o custo enerxético é determinante nos custos de mantemento e xestión das plantas de depuración”.

 Ethel Vázquez subliñou que esta actuación segue a liña do departamento que preside de apoio e acompañamento aos municipios máis pequenos e do rural, coma Boimorto, para axudalos na prestación de mellores servizos da auga aos seus veciños, impulsando investimentos en infraestruturas que a eles lle resulta moi difícil asumir, por ter un custo elevado.

 Tal e como apuntou a conselleira, “este apoio redobrarase coa nova Lei do ciclo integral da auga que está en tramitación, e da que salientou o seu uso como ferramenta útil e eficaz coa que os municipios poderán tamén encomendar a xestión á Xunta dos seus sistemas, garantindo a prestación de servizos eficientes e profesionais da auga aos veciños. Esta lei avanzou que será levada en breve ao Consello da Xunta para a súa aprobación e posterior remisión ao Parlamento”.

Pola súa banda a alcaldesa de Boimorto, María Jesús Novo explicaba que “temos unha gran rede de abastecemento de auga e para nós son moi importantes estas obras. Grazas as axudas de Augas de Galicia podemos executar ao lado do depósito tres pozos de barrena e deixar de bombear auga do río, mellorando así a calidade o servizo e o aforro enerxético dese procedemento. Agrademos dende o goberno local as axudas non só en materia de saneamento senon tamén en abastecemento, grazas a esto Boimorto é un dos poucos concellos que non sufriu desabastecemento de auga nos últimos tempos”.