Venres. 19.04.2024

O delegado da Xuntahttp://xunta.gal na Coruña, Gonzalo Trenor, visitou o Concello da Baña, para reunirse co seu alcalde, José Andrés García Cardeso, e informarlle de que resultou beneficiario dunha axuda de case 40.000 euros para corrixir impactos paisaxísticos nos equipamentos e edificios públicos do municipio.

No conxunto da comarca de Santiago, a Xunta concedeu unha destas subvencións -ou ata dúas nalgún caso- a 5 concellos: Santiso, Ordes, Boimorto, O Pino e A Baña, por un importe global de máis de 136.000 euros.

A Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda vén de resolver a convocatoria de 2022 da orde de axudas para avanzar na loita contra o feísmo nos concellos de menos de 20.000 habitantes.

Cómpre lembrar que este programa de incentivos —convocado en xaneiro por 600.000 euros e cuxo crédito se ampliou ata os 800.000 euros esta mesma semana— recolle dúas liñas de actuacións subvencionables: a Liña 1 para intervencións coas que emendar o impacto negativo que poden causar sobre a contorna edificios e dependencias que acollen servizos municipais; e a Liña 2 pensada para mellorar outros equipamentos públicos ou elementos etnográficos —como fontes, hórreos, palcos de música e lavadoiros— propiedade dos concellos.

No caso concreto da Baña, recibe unha axuda de 20.000 euros a cargo da Liña 1 para actuar no centro da terceira idade coa limpeza e reparación da súa fachada para o seu posterior pintado; e outra, tamén de 20.000 euros, para mellorar no marco da Liña 2 o lavadoiro de Cabanas, un elemento de formigón armado que na actualidade presenta manchas e humidades polo que se procederá á súa limpeza e á reparación de fendas antes de pintalo.

As actuacións subvencionables, que poderán acadar o 70% do custo estimado, deberán adaptarse ou ben aos criterios fixados na Guía de cor e materiais de Galicia, ou ben aos da Guía de boas prácticas de caracterización e integración paisaxística de valados.