Venres. 19.04.2024

O Diario Oficial de Galicia (DOG) publicou a orde da Consellería do Medio Rural pola que se acorda a cesión en propiedade de tractores, rozadoiras de brazo e trituradoras suspendidas traseiras a varios concellos galegos. Así, cédense un total de 39 pezas de maquinaria a 11 municipios das catro provincias, así como a dúas mancomunidades.

En concreto, cada un dos beneficiarios -tanto os concellos como as mancomunidades- recibirá un tractor, unha rozadoira e unha trituradora. Trátase das localidades coruñesas de Lousame, Ordes e Padrón, das lucenses do Páramo, As Nogais e Pantón e das pontevedresas de Arbo e Moraña. Na provincia de Ourense, recibirán maquinaria Monterrei, Rairiz de Veiga e Toén, así como a mancomunidade intermunicipal voluntaria do Ribeiro e a mancomunidade voluntaria de concellos da comarca de Ourense.

O obxectivo da cesión é que os tractores, rozadoiras e trituradoras sexan empregados para levar a cabo labores de limpeza e mantemento dos camiños e estradas de titularidade municipal, así como tarefas de xestión da biomasa nas redes secundarias de faixas de ámbito municipal para protexer os núcleos de poboación delimitados nos Plans municipais de prevención e defensa contra os incendios forestais, máis aló das actuacións xa contempladas no marco do convenio de protección das aldeas, asinado entre a Xunta, a Federación Galega de Municipios e Provincias (Fegamp) e a empresa pública Seaga.

Nesa liña, outro dos eidos prioritarios de actuación debe ser o da prevención de incendios forestais. A maiores, a maquinaria poderá destinarse -a petición da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural- a executar tarefas de limpeza e mantemento das parcelas non arrendadas que estean incorporadas ao Banco de Terras de Galicia.

Esta cesión de tractores, rozadoiras e trituradoras aos concellos da nosa comunidade súmase ás accións que vén implementando a Xunta para a mellora das infraestruturas do rural galego, con iniciativas como o Plan de Infraestruturas Rurais (PIR) ou o Plan Marco de mellora de camiños municipais.