Xoves. 28.03.2024

O director xeral de Emerxencias e Interior, Santiago Villanueva, e o alcalde de Brión, Pablo Lago Sanmartín, visitaron aos efectivos do Grupo Supramunicipal de Emerxencias (GES) de Brión, que atende as incidencias deste concello e dos de Negreira e Ames. Tamén comprobou as melloras levadas a cabo na sede deste grupo ao abeiro da colaboración entre a Xunta e o concello para a súa ampliación, que contou cunha achega de 50.000 euros por parte do Goberno galego.

O alcalde de Brión agradeceulle a Villanueva e ao vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda, a súa colaboración na construción desta nova nave “que permitirá albergar toda a maquinaria da que dispón o GES de Brión” e anuncioulle que “agora a nosa intención é pechar perimetralmente todo o recinto e incorporar algún elemento máis para facilitar as actuacións en lumes e excarceracións”.

Neste sentido, Pablo Lago interesouse polo equipo de excarcelación comprometido polo vicepresidente da Xunta na súa visita a Brión o ano pasado e que será unha realidade nos próximos meses. “Dispoñer deste tipo de maquinaria nova é moi importante para que a atención ás vítimas sexa a mellor posible pero tamén para que os nosos profesionais non teñan que facer esforzos en balde”, apuntou Pablo Lago.

O GES e a Agrupación de Voluntarios de Protección Civil de Brión recibiron nos últimos anos case 52.000 euros en material como un vehículo todoterreo tipo pick-up, unha embarcación, un desfibrilador, un traxe de velutina, un esparexedor de sal e un detector de gases.