Venres. 29.03.2024

O vicepresidente primeiro da Xunta, Alfonso Rueda, asinou co alcalde de Arzúa, José Luis García, o convenio de colaboración entre a Xunta e o concello para levar a cabo actuacións de acondicionamento no núcleo de Ribadiso polo que discorre o Camiño Francés e que ademais conta cun albergue de peregrinos no que se celebrou a sinatura.

A Xunta investirá máis de 272.200 euros na pavimentación de 508 metros cadrados de calzada e na zona de colectores. Ademais, dotarase dos servizos de recollida de augas pluviais, saneamento, abastecemento de auga potable e alumeado público, así como a instalación de mobiliario urbano como bancos de pedra e cunchas de bronce.

O acordo contribuirá a ofrecer a mellor imaxe do Camiño de Santiago e da súa contorna e neste caso, coa posta en valor do núcleo de Ribadiso co fin de incrementar a atención aos peregrinos.

Trátase dun dos puntos que atravesa o Camiño Francés, declarado Primeiro Itinerario Cultural Europeo, Ben de Interese Cultural e Patrimonio da Humanidade e é a ruta máis transitada por peregrinos de tódalas nacionalidades, polo que precisa dunha especial protección e atención para presentar a súa mellor cara neste Xacobeo.

Alfonso Rueda sinalou que Galicia estará preparada para recibir aos viaxeiros cando se recupere a mobilidade. Nesta liña, apostou por seguir a reforzar a mensaxe de Galicia como destino seguro e cun Camiño Seguro para recuperar a confianza dos turistas e peregrinos en canto a situación sanitaria o permita.

Por iso, a Xunta traballa na posta en marcha de medidas como o seguro coronavirus para presentar a comunidade como un destino confiable e de calidade, así como as actuacións necesarias no Camiño de Santiago, tanto na ampliación e mellora da rede pública de albergues como na conservación e sinalización das rutas xacobeas ou da súa contorna.

En canto á mellorar a imaxe do Camiño, a Xunta ademais de convenios coma este tamén convocou este ano a orde de axudas destinadas a concellos e particulares para a mellora paisaxística e ao embelecemento das rutas xacobeas, que este ano incrementou o seu orzamento en 300.000 euros cunha dotación de 1,5 millóns de euros. Na convocatoria do ano pasado máis de 117 proxectos beneficiáronse deste apoio do Goberno galego para favorecer a restauración de elementos etnográficos, vivendas e espazos agrarios, xunto con traballos de naturalización e embelecemento do trazado co obxectivo de poñer en valor a paisaxe e a cultura vinculados ao Camiño.