Mércores. 24.04.2024

A Xunta de Galicia concedeu unha achega de 113.840 euros á Mancomunidade de Concellos da Comarca de Ferrol para financiar a unidade de atención temperá que, dende 2019 xestiona a Asociación de Pais de Nenos con Problemas Psicosociais (Aspaneps).

A delegada territorial da Xunta en Ferrol, Martina Aneiros, acompañada da xefa territorial de Política Social, María Blanco e a presidenta de Aspaneps, Elena Rodríguez, visitou as instalacións situadas na rúa Alegre. Dende a apertura do servizo prestouse atención a un total de 158 menores con idades comprendidas entre os 0 e os 6 anos e residentes nos concellos de Ares, Cabanas, Cedeira, Fene, Ferrol, Mugardos, Narón, Neda e Valdoviño.

O apoio económico da Xunta a este programa enmárcase na concesión de axudas destinadas á entidades locais da Comunidade Autónoma de Galicia para a prestación de servizos no marco da Rede Galega de atención temperá 2022.

A contía de preto de 115.000 euros está cofinanciada parcialmente con fondos do Programa operativo FSE Galicia 2014-2020, con encaixe no obxectivo de promover a inclusión social, loitar contra a pobreza e calquera forma de discriminación.