Sábado. 20.04.2024

O conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña; e o alcalde da Baña, Andrés García Cardeso; asinaron un convenio no que se establecen as bases para o financiamento de varias melloras no centro de saúde da localidade, entre as que destacan a substitución das luminarias existentes, de tipo incandescente ou fluorescente, por novas luminarias LED, máis eficientes e con menor consumo e a limpeza da fachada exterior mediante equipo de lanza de auga e a revisión da cuberta. Esta reforma ten por obxectivo reducir o consumo eléctrico no edificio; reducindo tamén a contaminación ambiental asociada á xeración de electricidade.

No acto estiveron acompañados pola xerente da Área Sanitaria de Santiago e Barbanza, Eloína Núñez.

Este acordo tramitouse tomando como base unha memoria arquitectónica achegada polo alcalde da Baña o pasado novembro, despois de manter unha reunión co conselleiro na que lle garantiu o apoio para abordar esta reforma.

Segundo a devandita memoria, as obras a executar terán un importe total de 47.980 euros, correspondendo á substitución de luminarias existentes por unha tipo led, á limpeza de fachada exterior e a revisión da cuberta.

O conselleiro de Sanidade agradeceu “a boa disposición do alcalde para poder asinar este convenio co tempo suficiente para que se poida licitar a obra e executarse en prazo. Deste xeito, o persoal e os pacientes do centro de saúde da Baña contarán cun centro de saúde mellor e máis confortable”.

Ademais, lembrou que “non é a primeira mellora experimentada polo centro de saúde da Baña nos últimos anos pois, froito do investimento de 8 millóns de euros en equipamento, derivado do Plan Galego de Atención Primaria 2019-2021, este centro recibiu un electrocardiógrafo e un espirómetro por un importe total de 5.929 euros”.